Penas de 5 e 3 anos de cárcere para dous compañeiros de piso da Coruña por agredirse mutuamente

Os feitos remóntanse ao 25 de febreiro de 2017, cando ambos protagonizaron unha discusión por razóns económicas

Dous homes, compañeiros de piso na Coruña, foron condenados, tras unha conformidade, a penas de cinco e tres anos de prisión respectivamente por agredirse mutuamente cunha navalla e un coitelo. 

A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña tiña previsto celebrar este luns o xuízo contra estes dous homes, quen aceptaron un acordo coa Fiscalía, que rebaixa as penas solicitadas inicialmente. Concretamente, pedía sete anos de prisión para un e catro anos e medio de cárcere para o outro, por ser autores dun delito de tentativa de homicidio e lesións. 

Segundo o escrito da Fiscalía, aproximadamente desde principios de 2017, os dous procesados conviviron no mesmo domicilio, situado na Coruña, aínda que ao pouco tempo xurdiron problemas de convivencia. Na tarde do 25 de febreiro dese ano ambos protagonizaron unha discusión por razóns económicas que se iniciou no interior do domicilio. 

Nese momento, un deles colleu unha navalla e o outro un coitelo de cociña, armas brancas coas que se enfrontaron, ademais de golpearse. Un dos homes chegou a abandonar o domicilio, pero foi perseguido polo outro. 

Dun dos acusados, para o que se pedía máis pena, o Ministerio Público asegura que "guiado pola intención de acabar coa vida do seu adversario, dirixiu os seus golpes cara ao pescozo, alcanzándoo, e provocándolle unha ferida no pescozo", da que quedou como secuela varias cicatrices. 

Comentarios