O "pequeno milagre" de Carmen: supera o coronavirus con 100 anos e varias patoloxías

Volveu entre aplausos á residencia de Santiago na que vive tras case un mes de hospitalización
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Aplausos a Carmen na súa chegada á residencia compostelá. DOMUSVI

Unha muller de 100 anos con pluripatoloxías e dependente de grao tres volveu á residencia DomusVi San Lázaro de Santiago, na que vive, tras superar o coronavirus. Este pequeno "milagre" produciuse despois de que a Carmen se lle diagnosticase o virus o pasado 23 de marzo no centro, desde onde foi trasladada ao HM A Rosaleda.

A centenaria --que cumpre 101 anos en agosto-- estivo case un mes ingresada e este mércores recibiu a alta. Unha ambulancia levouna de volta ao que é a súa casa desde o ano 2015, segundo puido saber Europa Press a través de fontes do centro. Alí esperábana unha ducia de traballadores, así como axentes da Policía Local, Policía Nacional e Protección Civil.

Todos os presentes recibírona entre aplausos e voces de ánimo, e é que o seu regreso ás instalacións deste centro santiagués converteuse nun "pequeno milagre" para os que coñecían o seu caso, que presenta multipatoloxías, deterioración cognitiva e unha gran dependencia.

A pesar de todos os factores que a converten nun grupo de risco ante esta enfermidade, Carmen curouse e espertou a "alegría" de todo o persoal traballador, como explica a directora da DomusVi San Lázaro, Gloria García Barreiro.

Carmen estará un mes illada un mes no centro, ao que tamén volverá unha octoxenaria que se recuperou

"Conseguiu superalo practicamente asintomática, é incrible", apunta a encargada da dirección. "Foi das primeiras en ser derivadas" e é un "orgullo enorme que a primeiro alta" do centro sexa a súa. Os datos publicados este mércores pola Consellería de Política Social localizan nel 82 casos de residentes e 38 de traballadores.

UN MES ILLADA. Logo de obter resultados negativos nas dúas últimas PCR que se lle realizaron a Carmen, agora pasará un mes illada na residencia na que conta cunha praza tutelada pola Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga) desde hai cinco anos.

Para manter a súa seguridade, aplicaráselle o protocolo "máis extremo de todos", explican fontes do centro. Se por norma xeral unha persoa curada ten que gardar unha corentena de 14 días, no seu caso será un mes ata volver á mesma planta que o resto dos seus compañeiros sans.

Ela aloxarase na terceira planta desta residencia, na que están as habitacións individuais e illadas para atender casos como o seu. Na mesma tamén se recolocará nas próximas horas unha muller octoxenaria que foi derivada ao hospital por coronavirus e que tamén se recuperou.

Comentarios