Política Lingüística amplía a cobertura da formación en galego con máis cursos en liña

O plan deste ano chegará a máis de 7.000 persoas e estende a teleformación ao Celga 3
 

Oliva Amorín, Valentín García e Lourdes Batán, na presentación do plan. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Oliva Amorín, Valentín García e Lourdes Batán, na presentación do plan. PEPE FERRÍN (AGN)

Un programa "moi ambicioso" para chegar a máis de 7.000 persoas, distintos ámbitos e novos lugares. É o que a Xunta quere que sexa o seu plan de formación en lingua galega deste ano, o que inclúe desde os cursos preparatorios das probas Celga ata os centrados en linguaxes específicas como a administrativa, os desenvolvidos nas universidades e o ensino no exterior. Con esas pezas, e a colaboración de varias institucións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aspira a que en 2019 a oferta cubra máis mapa, un propósito para o que a formación en liña é unha aliada.

Así é que, coa experiencia dos anos que leva operativa para o primeiro nivel do Celga —e despois de que en 2018 se estrease para o cuarto—, chegan agora os cursos a distancia para o terceiro. E prevese que en 2020 os haxa tamén no segundo nivel para completar definitivamente a oferta, como apuntou onte na presentación do plan o secretario xeral, Valentín García. Á espera, este ano hai outra novidade en liña: formación online do Celga 4 para O Bierzo e Sanabria.

En total, entre as actividades organizadas directamente pola secretaría xeral, aquelas nas que colabora coas escolas de idiomas e as da Rede de Dinamización Lingüística, este ano ofertaranse 82 cursos preparatorios do Celga, dos que 61 son presenciais e 21 online. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 20 de marzo, con 2.340 prazas.

FORMACIÓN ESPECÍFICA. Hai que sumar os 1.100 profesionais que poderán participar nos 44 cursos deseñados para colectivos concretos —máis de 30 en liña—, para abordar linguaxes administrativas ou xurídicas, por exemplo. Ademais, nas universidades galegas están previstos 25 cursos para 625 persoas —estudantes e persoal docente e investigador— e os concellos subvencionarán dez actividades máis, para 300 alumnos.

A oferta presentada por Valentín García —acompañado pola subdirectora xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán, e a xefa de Formación, Oliva Amorín—, complétase fóra da comunidade, empezando polas áreas galegofalantes do exterior. Nesas actúa o programa de promoción da lingua no Bierzo e Sanabria, unha actuación froito da colaboración co Goberno de Castela e León que facilita a aprendizaxe de 1.112 alumnos matriculados en 19 centros educativos. Son de infantil, primaria e secundaria, ademais da escola oficial de idiomas de Ponferrada.

Máis lonxe, en Londres, uns 75 alumnos aprenden galego no Instituto Español Vicente Cañada Blanch. Como fan tamén 500 no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e preto de 400 no Castelao de Caracas. E a rede aínda é máis grande, porque hai 35 centros de estudos galegos en universidades de Europa, América e Asia.

A rede exterior move os marcos

A rede que leva a formación en lingua galega máis aló da comunidade inclúe os centros de estudos galegos no exterior, apoiados en convenios con 35 universidades de 15 países. E pronto poderían ser máis.

CONTACTOS. A ampliación dependerá de se frutifican as negociacións iniciadas con varias institucións académicas, de Carolina do Norte, Santa Bárbara, A Habana, Bos Aires ou Hungría. "Cada vez notamos un maior interese", constatou García.

900. Son os alumnos que suman agora os centros de estudos galegos no exterior, que compoñen un mapa que vai de Brasil a Finlandia, da man da Rede de Lectorados da Xunta e da colaboración co Instituto Cervantes. Na lista están nove universidades españolas.

Comentarios