Pontón pide aos indecisos votar "con ilusión" para facer historia

"Para levantar o país nun contexto de gran dificultade económica e social hai que cambiar o guión e deixar atrás a rutina", sinalou
Ana Pontón, en Ponteareas. BNG
photo_camera Ana Pontón, en Ponteareas. BNG

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, pediu este sábado aos indecisos e a todos os galegos "independentemente do que voten anteriormente" que voten "con ilusión" á formación nacionalista para "facer historia" coa primeira presidenta nacionalista de Galicia. 

Así o manifestou nun mitin no Parque da Feira Vella de Ponteareas, no que estivo acompañada pola cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, os integrantes da lista Francisco Chivite e Cristina Fernández e o alcalde da localidade, o nacionalista Xosé Represas. 

"A todas as persoas que tedes ganas de abrir un tempo novo cunha muller presidenta, cun Goberno que se faga valer capaz dedefender este país sen pedir permiso a ninguén, a todos vós quérovos dicir que é o momento de votar con orgullo, con ilusión e con esperanza para construír unha nova Galicia", asegurou. 

Deste xeito, a candidata nacionalista ha chamado a concentrar "todo o voto de cambio real" no BNG como "a mellor alternativa para deixar atrás os once anos de retroceso e decadencia do PPdeG" e recordou que "a receita para o cambio" é dobre, xa que, ademais do voto ao BNG, pasa "por unha mobilización masiva nas urnas". 

"Que non poderiamos facer polo país se a partir do 12-J Galicia ten un Goberno liderado polo BNG"

"Para levantar o país nun contexto de gran dificultade económica e social hai que cambiar o guión e deixar atrás a rutina, enchendo as urnas de cambio galego votando ao BNG; non vos vou a fallar e un Goberno liderado polo BNG non lle vai a fallar a este país, porque temos un proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para levantar Galicia e darlle futuro", proseguiu. 

A líder nacionalista tamén incidiu no "aval" que supoñen os Gobernos municipais do BNG, tras o que fixo referencia ao de Xosé Represas en Ponteareas e ao de Xosé Manuel Rodríguez nas Neves, municipios "que son un exemplo de capacidade para transformar en positivo". 

"Que non poderiamos facer polo país se a partir do 12-J Galicia ten un Goberno liderado polo BNG", preguntouse Pontón, quen entende que suporía "un paso de xigante" para os municipios da comarca ter "un Goberno aliado que some en lugar de pór paus nas rodas". 

Así mesmo, a candidata tamén insistiu en que un Goberno galego "coas mans libres" é "o único que pode acabar co agravio que sofre Galicia", como demostraría o feito de que "un deputado do BNG no Congreso conseguiu máis para Galicia que once anos do candidato do PPdeG". 

Luís Bará pediu "unha gran mobilización" o 12-J para que haxa "un cambio galego"

"Temos claro que se o Goberno do Estado asume as demandas deste país será porque o condiciona o BNG; se cun deputado fomos capaces de pór Galicia no mapa, que non seremos capaces de facer cun Goberno liderado polo BNG", concluíu Pontón, quen chamou a facer "historia cunha muller presidenta para que este país gañe o seu futuro". 

Pola súa banda, Luís Bará pediu "unha gran mobilización" o 12-J para que haxa "un cambio galego" e haxa un Goberno galego "que lle dea un trato xusto a Ponteareas". 

Un Executivo liderado polo BNG, segundo Bará, implulsaría proxectos "necesarios para Ponteareas" como a ampliación da depuradora, o saneamento do Ribadetea, a mellora da rede viaria autonómica -especialmente a PO-403-, ou a mellora dos centros educativos, así como a reapertura da escola infantil San Mateo. 

"Ese novo Goberno da Xunta liderado polo BNG xestionará diante do Goberno central o proxecto das obras da circunvalación de Ponteareas para acabar cos anos de atraso que acumula a pesar de ser imprescindible para mellorar as comunicacións, a conectividad e a seguridade das rúas que atravesan o concello", engadiu. 

Para rematar, Bará insistiu en que "nada está decidido" e "hai partido", polo que "toda aquela persoa que queira o cambio non pode quedar en casa", senón que debe apoiar a Ana Pontón "como o verdadeiro voto alternativo ao PP", porque "se toda a xente que queira ao país mobilízase, gañamos por goleada". 

"Merecémonos un Goberno que nos acompañe, que non paralice o país e que teña como referencia pór Galicia no mapa e que sexa unha referencia mundial", resolveu.

Comentarios