Pontón propón un banco público de vivendas que inclúa á Sareb

A candidata do BNG afirma que "é importante facer cidades máis humanas, máis habitables e máis sostibles antes de seguir construíndo"
Visita de Ana Pontón a Recimil. BNG
photo_camera Visita de Ana Pontón a Recimil. BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este mércores crear un banco público de vivendas se alcanza a presidencia da Xunta e suxeriu que ese servizo inclúa os edificios en mans da Sareb grazas á súa transferencia. 

Nun acto de campaña en Ferrol, reivindicou o "dereito a poder acceder a unha vivenda digna", máxime "en tempos de crises". Así se expresou no barrio de Recimil, un dos maiores parques inmobiliarios públicos de España. 

Durante un encontro coa súa entidade veciñal, estimou que é "un complexo de mil vivendas de titularidade pública", ao depender do Concello de Ferrol, e avogou pola "súa rehabilitación e recuperación integral". Así, apuntou que a "política social de vivenda é máis importante conmoitas persoas cun Ere ou un Erte" pola crise da covid-19. Deste xeito, comprometeu "vivenda pública para que os que teñen menos recursos teñan ese dereito garantido". 

Para Pontón, "é responsabilidade de calquera gobernante" activar medidas neste ámbito, pero afeou que esa non "é a realidade" no barrio de Recimil. En caso de encabezar o Goberno galego, insistiu en fomentar "a rehabilitación de vivendas e a dinamización" da barriada cun "investimento público moi importante, que é apostar pola recuperación de Ferrol". Ao seu xuízo, "é importante facer cidades máis humanas, máis habitables e máis sostibles antes de seguir construíndo". 

A candidata do BNG á Xunta de Galicia priorizou a atención aos cidadáns "con rendas máis baixas" e á necesidade de actuar "desde o punto de vista impositivo" en materia de vivenda. Desta forma, alertou da proliferación de fondos "voitre", fronte á cal considerou que se debe "apostar claramente pola rehabilitación". "Temos que facer un elemento central da recuperación do noso patrimonio construído", remachou. 

Comentarios