martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Unha porta aberta ao feminismo dende a prensa

O colectivo Xornalistas Galegas despois do encontro constituínte en Compostela. EP
O colectivo Xornalistas Galegas despois do encontro constituínte en Compostela. EP

Mulleres de todos os ámbitos da comunicación únense na plataforma Xornalistas Galegas para loitar por unha perspectiva de xénero

“O xornalismo ten unha tara en cuestión de feminismo”. Esta é a perspectiva de máis de duascentas comunicadoras que asinan o manifesto elaborado polo colectivo Xornalistas Galegas, expresada por unha das súas voceiras, Alba Taladrid Díez. O proxecto reuniu a máis de 30 mulleres na súa asemblea constituínte o pasado 7 de xullo, cunha proposta clara e simple: “Fronte ao xornalismo individualista e competitivo, defendemos colectividade e fraternidade que loite polo ben común”.

“Sentiamos a necesidade de crear esta plataforma porque hai un oco que encher, tanto a nivel laboral como profesional”, defende Taladrid Díez. A idea xurdiu dentro das mobilizacións feministas do 8 de marzo, nas que miles de mulleres de todos os ámbitos do xornalismo se uniron dentro da iniciativa Las periodistas paramos. O movemento tivo gran relevancia en toda España, especialmente en Galicia: “Observamos que tiñamos que canalizar toda a forza que estaba xurdindo, que non quedara nun día  senón que fora algo permanente ao que sacarlle froito”.

Partícipes da influencia que o xornalismo ten na sociedade e da responsabilidade que isto conleva, a plataforma pretende xerar conciencia dende un engranaxe tan importante como é a prensa: “Non podemos permitir que continúe esta maquinaria que perpetúa machismos, roles de xénero e estereotipos inasumibles para nós. Sabemos que podemos conseguir o apoio porque somos a metade e podémolo aproveitar con moitísima forza”. Pretenden reformular a comunicación e desta forma involucrar á sociedade.“O de fóra vai depender do de dentro, a sociedade vaise educar en base a como a prensa expoña a información e como asumamos determinados estados de opinión”, observan as comunicadoras.

“Observamos que tiñamos que canalizar toda a forza que estaba xurdindo, que non quedara nun día  senón que fora algo permanente ao que sacarlle froito”.

A heteroxeneidade do grupo non impide as metas comúns. Segundo Taladrid, “os obxectivos eran necesidades imperiosas, necesidades clarísimas que calquera muller do noso oficio coñece”. Entre as prioridades do colectivo, que aínda está nunha fase “moi incipiente”, atópanse a de romper os roles sexistas e os estereotipos que contribúen á desigualdade, realizar unha “vixilancia feminista” denunciando contidos machistas e sexistas nos medios e avaliar a situación laboral da muller no sector, esta última mediante a creación dun Observatorio da Muller nos Medios. “É moi importante que existan documentos de traballo de campo nas ciencias socias detrás dos cales estemos nós, as mulleres. A intención polo tanto é que exista un informe para o 2019”, afirma a xornalista.

Aspiran a funcionar como unha rede horizontal na que non existan xerarquías, na que todas poidan opinar igual e ter o mesmo peso. A rede ten ademais un matiz simbólico, “o que nos suxeita cando caemos”. Trátase dun seguro de vida profesional e laboral de calquera muller xornalista que forme parte.

“Fronte ao xornalismo individualista e competitivo, defendemos colectividade e fraternidade que loite polo ben común”

A pesar de ser unha iniciativa recente conta co apoio dalgúns partidos políticos que se puxeron en contacto para debater propostas en común. Dende o colectivo cren que non é o momento de reunirse, “necesitamos fixar e establecer ben as nosas bases, os nosos acordos a nivel interno”. Aínda así, o interese das institucións pon en relevancia as intencións das comunicadoras ao tratarse de “urxencias sociais” que non se limitan a un problema gremial, senón que afectan a toda a sociedade.

FUTURO. De momento, os pasos a seguir do colectivo céntranse en crear un sistema de traballo que presentarán despois do verán. Teñen prevista unha asemblea para o 7 de setembro que suporá a súa posta de longo como plataforma. A partir de aí, a intención é reunirse mensualmente para coñecer os avances a nivel interno e definirse pouco a pouco: “Sen prisa e sen pausa, non queremos precipitarnos”.

A formación comeza nas facultades
Outro dos aspectos relevantes nos que fai fincapé o manifesto é a necesidade de formación deontolóxica dentro das facultades de comunicación. A materia de perspectiva de xénero é “fundamental, imprescindible e urxente” tanto para os homes como para as mulleres.

Por iso, o colectivo está aberto a contar con formadoras e referentes do feminismo no eido académico, “é necesario en todos os ámbitos, pero de forma subliñada nas informacións sobre a violencia de xénero”. 

Unha porta aberta ao feminismo dende a prensa
Comentarios