O PPdeG acusa á oposición de ser "desleal" a Galicia

"Os únicos pactos de violencia machista son nesta Cámara. Non hai ningún outro pacto", di Puy sobre as alianzas do PP con VOX 
Pedro Puy. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Pedro Puy. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz parlamentario do Partido Popular de Galicia, Pedro Puy, acusou ao resto de grupos na Cámara de ser "desleais" a Galicia por exercer a oposición "criticando á Xunta faga o que faga, sexa o que sexa" sen importar "o fondo da medida". 

Puy, como portavoz do grupo maioritario, foi o encargado de pechar a primeira rolda de intervención dos grupos parlamentarios na xornada inaugural do Debate sobre o Estado da Autonomía que acolle o Pazo do Hórreo desde este mércores. 

O popular lamentou a falta de "constructividade" que percibe nos grupos da oposición por pintar "unha Galicia negra" que, segundo Puy, "non se corresponde" coa realidade. "Os optimistas diferéncianse dos pesimistas en que uns ven o vaso cheo e os outros baleiro. Pero é difícil dialogar con quen ve o vaso roto", teorizou Puy sobre a actitude da oposición. 

Defende o cumprimento do seu programa electoral por parte do PPdeG

Así, defendeu que os indicadores de económicos e de emprego reflicten que Galicia "está mellor" que antes da chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, de cuxa terceira vitoria electoral —no ano 2016— cúmprense tres anos este mércores 25 de setembro, como lembrou Puy. 

En relación a isto, tamén puxo o foco no "cumprimento" do programa electoral co que o PPdeG concorreu aos devanditos comicios en ámbitos como a "extensión do plurilingüismo", a "posta en marcha da aceleradora de empresas" ou a "ampliación" da Risga.

VIOLENCIA MACHISTA. Así mesmo, e tras criticar ao Goberno central pola súa postura na polémica polos 700 millóns que reclama a Xunta, Puy realizou un comentario velado sobre as críticas da oposición ás alianzas do PP con VOX en lugares como Andalucía ou Madrid. "Que non haxa dúbidas, os únicos pactos contra a violencia machista son os desta Cámara e aquí non se pacta con ninguén mais", reivindicou Puy. 

Comentarios