O PPdeG rexistra 13 nomes propostos pola oposición para a comisión de investigación da Sanidade

Chega despois de que os grupos da oposición deixasen o órgano parlamentario por entender que o PPdeG non aceptaba os plans de traballo que eles propuxeran

Ana Pontón, Xaquín Fernández Leiceaga e Luis Villares na conferencia de prensa na que anunciaron o abandono da comisión de Sanidade. EFE
photo_camera Ana Pontón, Xaquín Fernández Leiceaga e Luis Villares na conferencia de prensa na que anunciaron o abandono da comisión de Sanidade. XOÁN REY (EFE)

O Partido Popular de Galicia rexistrou unha proposta de ampliación de comparecencias para a comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade que se constituíu na Cámara galega a proposta dos tres grupos da oposición -En Marea, PSdeG e BNG-.

O rexistro desta proposta, á que tivo acceso Europa Press, chega despois de que os grupos da oposición deixasen o órgano parlamentario por entender que o PPdeG non aceptaba os plans de traballo que eles propuxeran, un abandono que se produciu a pesar da oferta dos populares de incluír 20 dos seus nomes.

Con todo, En Marea, PSdeG e BNG consideraron que a oferta non era suficiente e sen chegar a negociala deixaron de participar na comisión, que aprobou a proposta de traballo exposta polo PPdeG con 26 nomes, dos cales cinco tamén eran peticións do resto de grupos -entre eles, os catro altos cargos da Xunta, co seu presidente á cabeza-.

A pasada semana, os grupos da oposición mostráronse dispostos a volver ao órgano parlamentario se o PPdeG aceptaba un total de 44 comparecencias. Delas, agora os populares asumen 13 nomes para que se amplíe as intervencións na comisión de investigación.

NOMES PROPOSTOS
Concretamente, trátase dos representantes dos seis sindicatos con representación -CIG, CC OO, UXT, CSIF, CESM-OMEGA e SATSE-; un representante da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal) -en lugar dun representante de Povisa-; representantes da Plataforma de Afectados pola Hepatite C, da Asociación Batas Brancas e da plataforma SOS Sanidade Pública.

Na súa proposta, os populares tamén chaman a Juan Sánchez Castro, xefe de servizo de Atención Primaria no Centro de Saúde da Estrada, xa que na comisión de investigación tamén se queren dirimir as circunstancias nas que faleceu un paciente no PAC cando non había médico; ao presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, José Luis Jiménez Martínez; e o decano da facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Julián Álvarez Escudeiro.

Coa aceptación destas 13 comparecencias -que se asumirán como definitivas unha vez as vote a comisión de investigación-, haberá un total de 39, das cales 13 serían nomes a proposta da oposición, 19 do PPdeG e cinco coincidentes.

Comentarios