miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Prisión para o detido polo apuñalamento mortal dun mozo en Salceda

O home acusado de apuñalar a un mozo en Salceda. TVG
O home acusado de apuñalar a un mozo en Salceda. TVG

O acusado pasou a disposición xudicial este luns

O home de 30 anos de orixe alemá detido o pasado sábado como presunto autor do apuñalamento mortal dun mozo no municipio pontevedrés de Salceda de Caselas foi enviado a prisión este luns. 

Segundo informaron fontes xudiciais, o xulgado do Porriño ao que pasou a disposición xudicial este luns decretou prisión comunicada e sen fianza para o arrestado, á espera de realizar novas dilixencias. 

O home, ao que se lle atribúe un delito de homicidio, foi detido no mediodía do pasado sábado como presunto autor da morte dun mozo de 25 anos tras ser apuñalado nas inmediacións dun local de lecer nocturno de Salceda de Caselas. O presunto autor dos feitos foi localizado e arrestado na mesma localidade, da que é veciño. 

OS FEITOS. Na madrugada do sábado, un mozo duns 25 anos natural de Tui faleceu a consecuencia dunha puñalada con arma branca propinada por un home que, tras a agresión, deuse á fuga. 

O suceso tivo lugar sobre as 5.00 horas do pasado sábado ás portas dun local de lecer nocturno situado nas inmediacións do Concello de Salceda. 

Os implicados iniciaron unha discusión no interior do establecemento que continuou fóra do local. Alí, o agresor apuñalou no costado esquerdo ao mozo cunha arma branca e, a continuación, deuse á fuga. 

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias que trataron de reanimar á vítima sen éxito. O mozo, natural de Tui aínda que residente en Salceda, faleceu no punto a consecuencia da ferida. 

Prisión para o detido polo apuñalamento mortal dun mozo en Salceda
Comentarios