Un proxecto galego de radio social gaña un galardón internacional

Sergio Pascual e Lucía Abarrategui fixéronse co premio Cemex TEC por Laboratorio de Radio

Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, fundadores de Laboratorio de Radio. AEP.jpg_large
photo_camera Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, fundadores de Laboratorio de Radio. AEP.jpg_large

A radio é un medio que levanta paixóns alá por onde pasa. Que llo pregunten a Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, fundadores de Laboratorio de Radio desde Compostela, un proxecto de radio colaborativa que vén de gañar o premio Cemex TEC polo seu labor social de impacto comunitario.

"A idea do proxecto xorde en 2013 cando Lucía e eu coincidimos nun máster de radio. Queriamos achegar este marabilloso medio a calquera lugar e a calquera persoa", explica Sergio. Desta inquedanza nace Laboratorio de Radio, "un altofalante para aquelas persoas que teñen algo que contar pero non teñen como facelo".

O Laboratorio é itinerante; percorre toda a xeografía galega e algúns puntos de Castela e León en busca de diferentes colectivos –maiores, nenos, persoas con discapacidade, mulleres do rural...- para que se expresen a través das ondas. Os seus programas pódense escoitar a través da súa páxina web (www.laboratorioderadio.com) e tamén en no enderezo www.radioitinerantecreativa.blogspot.com.

Segundo conta Pascual, presentaron o proxecto por casualidade, sen esperar que saíse nada –xa que son máis de 700 candidaturas procedentes de 29 países–, pero resultou ser o único proxecto español que se atopa entre os dezasete gañadores. "Foi unha moi grata sorpresa, non o agardabamos. O orgullo é máximo; aínda non o cremos", comenta o xornalista.

Este non é o primeiro galardón que gaña Laboratorio de Radio en menos dun ano. Tamén recibiron en 2017 o premio Jóvenes Emprendedores Sociales da Universidad Europea de Madrid.

Comentarios