O vindeiro curso escolar arrancará o 10 de setembro e terminará o 22 de xuño

As clases arrincarán o 10 de setembro e finalizarán o 22 de xuño. Sindicatos piden atrasar o inicio ao día 11
Alumnos entrando nun instituto de Compostela. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alumnos entrando nun instituto de Compostela. PEPE FERRÍN (AGN)

O calendario escolar galego manterase segundo o previsto inicialmente pola Consellería de Educación: as clases arrincarán o 10 de setembro e pecharanse o 22 de xuño. Un período lectivo que, segundo os cálculos sindicais, suporía prolongar o curso polo menos un día máis, á espera de que se determinen algúns dos festivos do próximo ano. 

O departamento dirixido por Carmen Pomar abordou o calendario na mesa sectorial, cos representantes sindicais das organizacións CIG-ENSINO, CC OO Ensino, FeSP UXT e ANPE Galicia. 

A organización é similar a outros anos. O curso empezará o 10 de setembro para o alumnado de infantil, primaria e educación especial; o 16 para Iso, bacharelato e FP; e terminaría o 22 de xuño de 2021. 

Os períodos de vacacións serían o de Nadal, entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro; Entroido, entre o 15 e o 17 de febreiro; e Semana Santa, entre o 27 de marzo e o 5 de abril. Tampouco serían días lectivos as festas de ámbito estatal, os festivos da comunidade autónoma e o 7 de decembro, Día do Ensino. 

A principal diferenza respecto doutros anos é que o cómputo de días lectivos representa un día máis do máximo esixido polo Goberno Central, que está establecido en 175, mentres que en Galicia serían 176 (a proposta son 178, pero se aplicarían dúas festividades). 

Outra das novidades refírese < strong>flexibilización de face aos máis pequenos. En concreto, alargarase o período de adaptación do alumnado de infantil que entra no sistema ata finais de setembro, en lugar do máximo de 10 días doutros anos. 

Esta circunstancia podería aplicarse tamén a outros niveis de infantil no caso de que sexa necesario, segundo engade a Consellería de Educación.

ATRASAR O ARRANQUE. Tanto CIG-ENSINO como ANPE Galicia censuraron que o calendario exposto pola Xunta está por encima da media dos países da contorna, polo que reclamaron atrasar o inicio das clases en infantil e primaria (as principais etapas afectadas) polo menos ata 11 de setembro. 

CIG tamén reclamou que se recupere o horario reducido de catro horas nos meses de xuño e setembro, e criticou que a orde sexa un simple "curta e pega" doutros anos a pesar das circunstancias excepcionais que marcarán o próximo curso, debido á situación sanitaria. 

Neste sentido, ANPE reiterou a súa petición de que se analice de forma "urxente" a situación dos centros e do sistema educativo para esta nova etapa e lamentou a falta de referencias ás previsións sanitarias e organizativas nese sentido. 

Comentarios