jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

O PSdeG esixe a Feijóo que apoie o estado de alarma e o BNG non quere que dure seis meses

Pontón e Caballero. PEPE FERRÍN (AGN)
Pontón e Caballero. PEPE FERRÍN (AGN)
Pontón anunciou que a formación nacionalista presentará unha emenda á prórroga da medida no Congreso

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu este luns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rectificar a súa postura das últimas semanas e apoiar a declaración do estado de alarma aprobada polo Goberno central este pasado fin de semana que prevé medidas para frear a propagación da pandemia de covid-19.

Nunha conferencia de prensa, Caballero considerou que o Goberno de España "fixo o que tiña que facer" en base ás decisións de expertos e autoridades ao adoptar o estado de alarma, un procedemento legal que permite establecer medidas para evitar a transmisión do coronavirus.

Trátase dun "mecanismo constitucionalmente deseñado para que todas as medidas que haxa que tomar fronte ao virus teñan solvencia xurídica e teñan firmeza", comentou Caballero.

Por iso, fixo un chamamento ao conxunto de formacións políticas galega a apoiar "o estado de alarma", e reprochou a dirixentes do PP e do BNG que durante a primeira onda de contaxios se opuxesen a este trámite en determinados momentos.

Para Caballero, "non se pode xogar coa saúde da cidadanía" ao tomar estas decisións restritivas, similares ás aplicadas noutros países europeos ante unha situación excepcional que obriga a pór "todo o aparello do Estado en condicións de loitar contra o virus", sinalou.

"Sen saúde non hai actividade económica nin hai actividade social", concluíu o dirixente socialista galego e advertiu do alto ritmo de contaxios por coronavirus rexistrado en Galicia nos últimos días, "ao nivel dos momentos máis complexos que se deron na primeira onda da pandemia".

Por mor diso, reclamou a comparecencia ante o Parlamento de Galicia de Feijóo, que "non pode seguir escondido" sen dar respostas nin explicacións, opinou Caballero.

O líder do PSdeG considerou que o Goberno galego afronta unha situación de colapso do programa de vacinación contra a gripe para a poboación en xeral, engadido a unha alta cifra de mortes en residencias de maiores durante esta segunda onda da pandemia e a unha decisión de converter nun "servizo telefónico" a atención primaria do sistema de saúde pública.

O secretario xeral do PSdeG tamén reprochou que os proxectos que manexa a Xunta para intentar captar fondos europeos para a reconstrución económica ante a pandemia de covid-19 "carecen de conexión e de alcance para afrontar os retos" de Galicia.

"Estamos perplexos con que un goberno que se supón serio diga un día que ten sete proxectos" e despois pretenda que conta con máis de cen propostas, mentres os sectores produtivos da economía galega "descoñecen de que está a falar Feijóo e o seu conselleiro de Economía", Francisco Conde, concluíu Caballero.

O BNG presentará unha emenda á petición de seis meses de estado de alarma
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou o seu respaldo ao novo estado de alarma pero avanzou que no seu debate no Congreso os nacionalistas galegos presentarán unha emenda á petición de prórroga de seis meses.

“Xa lles avanzo que presentaremos emendas á tramitación dese estado de alarma” porque non comparten que a duración sexa de medio ano en tanto que “é perfectamente compatible adoptar medidas extraordinarias co necesario control parlamentario nunha democracia”.

Para os nacionalistas galegos non é oportuno “prolongar tanto no tempo” unha situación que escapa do “control democrático” e, por iso, o deputado co que o BNG conta na Cámara Baixa -Néstor Rego- presentará emendas neste sentido. “Cando se están recortando liberdades e dereitos é lóxico que exista o maior control parlamentario posible”, reiterou Ana Pontón.

Así as cousas, a política galega tampouco cre que a solución para a situación actual sexa a reforma da Lei de Saúde que defende o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, posto que dubida de que esa norma permitise “recortar dereitos e liberdades” tal e como a fai a situación de excepcionalidade que supón o estado de alarma.

Finalmente, Pontón valorou que o novo estado de alarma permita unha xestión "máis descentralizada", posto que esta vez serán os presidentes autonómicos as autoridades delegadas. 

O PSdeG esixe a Feijóo que apoie o estado de alarma e o BNG non...
Comentarios