jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

Queremos Galego chama a mobilizarse o 17-M desde casa: "A lingua galega non quedará confinada"

Manifestación polo Día das Letras Galegas. EFE
Manifestación polo Día das Letras Galegas. EFE
A plataforma promove a visibilización do Día das Letras a través das redes sociais e nas xanelas e balcóns das casas

A plataforma cidadá Queremos Galego fai un chamamento a manter as mobilizacións do 17 de maio, Día das Letras Galegas desde as casas a través de diferentes formatos, ben colgando bandeiras e pancartas de xanelas e balcóns dos fogares ou empregando as redes sociais para compartir vídeos e fotos baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego e #17demaio.

"A lingua galega non quedará confinada este 17 de maio", aseverou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, segundo recolle un comunicado da plataforma convocante das mobilizacións do 17 de maio que, previsiblemente, este ano non poderán celebrarse debido ás restricións pola crise sanitaria do coronavirus.

Así, Queremos Galego pretende que, a pesar da situación actual, o Día das Letras Galegas que este ano se dedica á figura de Ricardo Carvalho Calero sexa unha xornada de reivindicación ao redor da lingua galega e instar así a "todos os poderes públicos a cumprir co sinalado tanto polo Comité de Ministros do Consello de Europa como polo relator especial da Onu para as minorías nacionais".

Estes organismos, segundo lembra a plataforma, advertiron ás autoridades da necesidade de protexer o dereito a empregar o galego en ámbitos como a xustiza, a administración pública e, especialmente, na educación. De feito, nun informe de finais do pasado ano, o Consello de Europa alertou de novo da caída de falantes e considerou a presenza do galego no sistema educativo de "insuficiente", polo que instou á Xunta a eliminar de inmediato as "limitacións" existentes para impartir docencia neste idioma.

MANTER AS MOBILIZACIÓNS. Deste xeito e para continuar co carácter reivindicativo do 17 de maio, Queremos Galego (plataforma que engloba a 600 entidades) ofrecerá na súa páxina web carteis coa lema 'Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión', que poderán descargarse para pendurar en xanelas e balcóns, onde tamén animan a mostrar a bandeira galega.

Ademais, tamén lanzan unha campaña nas redes para que os usuarios publiquen mensaxes en defensa da lingua propia de Galicia ao redor da xornada do 17 de maio, na que farán público un manifesto en homenaxe ao protagonista das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero, que estará elaborado pola profesora da UDC Pilar García Negro.

Todo iso, segundo incide Queremos Galego, para que o 17 de maio "o galego non quede confinado" pola crise do coronavirus que, por primeira vez na historia, obrigou á Real Academia Galega a mover a celebración do pleno extraordinario e público dos Días das Letras, que foi recolocado ao 31 de outubro.

De feito, varias voces e colectivos están a alzar a voz para pedir que o Ano Carvalho Calero se estenda máis aló de 2020 e que 2021 sexa tamén dedicado á memoria do intelectual e profesor ferrolán.

Queremos Galego chama a mobilizarse o 17-M desde casa: "A lingua...
Comentarios