miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

A raíña Sofía preside a inauguración do renovado Pórtico da Gloria

La reina Sofía, ante el Pórtico de la Gloria. XOÁN REY
La reina Sofía, ante el Pórtico de la Gloria. XOÁN REY

Oficialmente danse por finalizados os traballos na obra cume do Mestre Mateo tras dez anos e un investimento millonario

A raíña Sofía presidiu este luns o acto da inauguración oficial dos traballos de restauración do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela.

Dona Sofía descubriu unha placa nunha das paredes do nártex do templo compostelán na que se perpetúa a súa presenza no acto celebrado este luns na capital galega, e co que oficialmente se dan por finalizados os traballos na obra cume do Mestre Mateo tras un investimento millonario e máis de dez anos de minuciosos labores para recuperar o seu aspecto orixinal.

A Raíña estivo acompañada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao; o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, entidade que financiou os traballos.

Antes de que as autoridades pronunciasen os seus respectivos discursos, Dona Sofía escoitou as explicacións do director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, quen lle detallou os minuciosos traballos que se levaron a cabo para recuperar a policromía orixinal do Pórtico da Gloria.

"A resposta segue pendente pero é innegable que transmiten vida", afirmou na súa intervención o presidente do Goberno galego ao referirse ás figuras de apóstolos e profetas que o Mestre Mateo representou na súa obra.

Feijóo rememorou á poetisa Rosalía de Castro, quen nun dos seus versos evocou o realismo desas figuras ao preguntarse: "Estarán vivos, serán de pedra aqueles aspectos tan verdadeiros, aquelas túnicas marabillosas, aqueles ollos de vida cheos?".

O mandatario galego dixo desta obra cume do románico europeo que "combina, como ningunha outra, a maxestosidade e a proximidade", e destacou o parecido da representación a un "faladoiro celestial" na que as figuras representadas, dixo, parece que expresan complicidade nun ambiente relaxado.

Feijóo enmarcou a restauración do monumento nos prolegómenos do Xacobeo 2021, no que, indicou, "Galicia enteira volverá converterse toda ela nun Pórtico da Gloria e os galegos serán de novo os mellores anfitrións".

Pola súa banda, o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, destacou "o exemplo" de investigación científica que representa este labor de restauración nos máis variados campos que afectan o patrimonio cultural. 

Segundo o titular de Cultura, os traballos, coordinados polo Instituto do Patrimonio Cultural de España, do Ministerio de Cultura e Deporte, son un exemplo "do poder da investigación, o estudo e o coñecemento profundo para levar a cabo con eficacia os proxectos máis ambiciosos", ademais de destacar a colaboración como garantía de éxito para este tipo de proxectos.

Explicou o ministro que os estudos de procedementos e produtos de limpeza e consolidación dos materiais nos labores realizados no Pórtico da Gloria deron lugar a un protocolo de avaliación do risco e da eficacia de cada tratamento, o cal deu lugar a un proxecto de investigación que, avanzou, será presentado ao Comité Europeo de Normalización.

O arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, recordou ao Mestre Mateo como "un humanista adiantado". "O arquitecto sabio, no sentido bíblico, e o artista culto que atende á reflexión conceptual, ao oficio de construtor e de escultor, e que coida ata o menor detalle do acabado polícromo máis exquisito", dixo.

Arias Mosquera, o presidente da Fundación Barrié, que dedicou 6,2 millóns aos traballos inaugurados, referiuse ao realismo que evoca o Pórtico da Gloria. "A capacidade da arte de crear mundos máis reais, máis humanos que a realidade mesma, está no punto central da nosa forma de entender o patrimonio", afirmou.

O presidente da Fundación Barrié agradeceu o traballo dos equipos de restauradores, que se "gañaron a gloria", e destacou "como o sorriso do profeta Daniel se fixo contaxiosa".

A raíña Sofía preside a inauguración do renovado Pórtico da Gloria
Comentarios