Rajoy, partidario dunha gran coalición, e González, de non bloquear a formación de gobernos

Os dous políticos pasaron no bico dos pés pola corrupción para coincidir ao sinalar que este mal “é das persoas e non dos partidos”
Rajoy y González, no Foro La Toja. TVG
photo_camera Rajoy y González, no Foro La Toja. TVG

De acordo no esencial, na visión de España como un país puxante, na necesidade de apoiar aos sectores estratéxicos, de tomar unha maior responsabilidade nos asuntos internacionais ou en mellorar as políticas de ingresos e gastos públicos con reformas fiscais a medida da situación económica que atravesan Europa e España. Pero distantes nos matices. Felipe González e Mariano Rajoy protagonizaron este venres a sesión máis esperada do Foro La Toja Vínculo Atlántico, cunha conversación sobre España na que non se puxeron de acordo sobre a posible formación dun goberno.

Para Rajoy, a gran coalición entre PP e PSOE é necesaria. “En 2015, ao día seguinte das eleccións díxenlle ao meu partido que a miña proposta era ofrecer unha gran coalición aos dous partidos seguintes. E ao repetir as eleccións en 2016 volvín pedir o mesmo. Non tiven moito éxito. Hoxe sigo pensando o mesmo porque o o que eu digo é que non se pode gobernar se non tes maioría”, sentenciou o exlíder do PP.

González non o ve tan claro. De feito, o diálogo entre ambos ofreceu nese instante o seu momento máis irónico, en dúas frases que arrincaron as risas do público. A presentadora preguntoulles a ambos sobre a conveniencia desta gran coalición, e foi González quen contestou, pero interpretando o que diría Rajoy: “O si, eu non”, sentenciou o socialista. Ao que Rajoy replicou con retranca: “… e acertou”.

Logo Felipe González aclarou a súa postura: “En 2016 eu dixen que que tiña que haber un goberno e que Rajoy era a persoa que estaba en mellor posición. Os partidos non poden impedir que se forme un goberno. Sigo dicindo o mesmo, os que non teñen posibilidade de goberno teñen que facilitar a formación do goberno”.

Os dous políticos pasaron no bico dos pés pola corrupción para coincidir ao sinalar que este mal “é das persoas e non dos partidos”. E enlazaron unha conclusión para este asunto coa mesma proposta que utilizaron despois para falar do problema catalán: “Cando se xudicaliza a política acábase politizando a Xustiza”, sinalou González con Mariano Rajoy asentindo á súa dereita.

Do independentismo, con todo, aclararon que a aplicación no seu momento do 155 non foi tanto unha decisión do goberno de Rajoy como un quebrantamento da lei do Parlamento catalán. Ambos admitiron a importancia da sentenza para os políticos do procés que deberá coñecerse este mes e sinalaron que será un “momento político moi delicado”, pero os dous coincidiron ao eloxiar as “garantías coas que o xuíz Marchena desenvolveu todo este asunto”.

Tampouco se puxeron de acordo sobre a conveniencia de reformar a Constitución. Preguntados respecto diso pola avogada Miriam González Durántez, que exerceu de moderadora, Rajoy foi categórico: “Eu non”, dixo. E aclarou: “¿Para que?. Abrir unha reforma da Constitución co Parlamento que temos nestes momentos creo que non sería bo porque habería xente disposta a introducir de todo. Sería unha imprudencia na situación na que estamos, na que non somos nin capaces de formar en Goberno.

González, en cambio, tirou da súa vea reformista: “As dificultades que tiñamos a finais dos 70 non eran precisamente pequenas. Eu son reformista porque creo que se pode cambiar algo. Hai que debater sobre o que sería posible e conveniente. Pero non vexo porqué non se pode facer”.

Comentarios