Reclaman garantías para un envellecemento de calidade e unhas pensións "dignas"

Colectivos de persoas maiores de Galicia urxen un cambio do modelo sociosanitario actual tras o agravamento da súa situación por mor da pandemia
Protesta en Lugo. ADRA ALLÓN
photo_camera Protesta en Lugo. ADRA ALLÓN

Colectivos de persoas maiores de Galicia urxiron este xoves, con motivo do seu día internacional, "un xiro" das políticas que lles conciernen, como as pensións ou a atención sociosanitaria, ante o agravamento da súa situación provocada pola pandemia do coronavirus.

UXT e CC OO por unha banda, e CIG por outro, organizaron diferentes actos en Galicia nos que reclamaron garantías para un envellecemento activo, unhas pensións "dignas" e o reforzo dos servizos públicos, cuxa "debilidade" quedou de manifesto ante a pegada da Covid-19.

En Vigo, o secretario da federación de xubilados e pensionistas de UXT Galicia, Perico Ucha, reparou nunha das consecuencias máis crúas do panorama que deixou tras de si o virus: "a morte de centos de persoas abandonadas" nas residencias de maiores.

E por iso avogou por un cambio do modelo sociosanitario actual e o seu control a cargo do sistema público de saúde, ademais de maior consignación orzamentaria, algo no que coinciden CC OO e CIG.

En paralelo, solicitan a "blindaxe" do sistema de dependencia, que non pode seguir sendo "unha maría orzamentaria", segundo apuntou a secretaria comarcal de CC OO en Vigo, Amelia Pérez, quen avogou por un "cambio de mentalidade" na sociedade respecto ao papel que deben desempeñar e aos dereitos das persoas maiores. En Galicia, segundo apunta a CIG, son preto de 8.000 as persoas que non reciben prestación de dependencia a pesar de tela recoñecida. Os colectivos de maiores de Galicia piden tamén reforzar a rede pública de residencias (na actualidade representan o 25% do total na comunidade) e centros de día, así como a atención primaria.

Neste capítulo, UXT e CC OO propoñen que o gasto sanitario público pase do 6,2% ao 7,2% do PIB, e que o custo en atención primaria pase a representar o 25% do total. En materia de pensións, os sindicatos piden que se elimine o factor de sustentabilidade para o cálculo das prestacións e que se substitúa por unha revalorización automática acorde ao IPC, e que se revitalice" o Pacto de Toledo como instrumento referente no proceso de diálogo social.

A CIG fai fincapé en que as pensións galegas son por contía as segundas máis baixas do Estado, e en que máis da metade dos pensionistas desta comunidade autónoma cobran menos de 706 euros.

UXT e CC OO propoñen adicionalmente un debate que conduza a unha lei integral dos dereitos das persoas maiores que garanta a súa protección no ámbito sanitario, de vivenda, social e económico, e que erradique toda "discriminación por razón de idade".

Comentarios