A reforma da Lei de Inclusión Social redefinirá a Risga para adaptala á situación actual

Parrado e a directiva de Rede Galega contra a Pobreza abordaron nunha reunión a próxima revisión da norma
Un hombre trabaja la madera. EP

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, reuniuse coa directiva da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia) para abordar a próxima reforma da Lei de Inclusión Social, na que traballa a Administración autonómica. Diso informou a Consellería de Política Social nun comunicado, no que destaca que o obxectivo desta mellora legal é modernizar e axilizar os recursos a disposición das familias máis vulnerables, para o que se está deseñando en colaboración coas entidades e profesionais que traballan no sector. 

Arturo Parrado sinalou que redefinir a renda autonómica (Risga) e as axudas de inclusión social (AIS) para adaptalas á realidade actual é unha das cuestións fundamentais que se abordarán na reforma da lei, co obxectivo de acomodalas ao novo contexto xurdido da recente entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV). 
Así mesmo, apuntou que se aproveitará esta reforma para simplificar e reducir ao máximo a burocracia, co fin de que de que a tramitación destas axudas sexa o máis rápida e áxil posible. 

Na xornada de traballo mantida con EAPN-Galicia a entidade expuxo as liñas fundamentais que considera que deben terse en conta na futura redacción da norma, segundo sinalou a Xunta. Este é o primeiro encontro que a Dirección xeral de Inclusión Social manterá cos distintos axentes sociais para coñecer as súas achegas nesta materia, co obxectivo de alcanzar unha norma que conte coa maior participación e consenso posible.

PRESUPOSTOS 2021. A Xunta destacou que os orzamentos da Consellería de Política Social para 2021 destinan 125,5 millóns para a área de inclusión, a contía máis elevada da súa historia e un 4,5% máis que este ano. 
As novas contas manteñen a partida económica de 64,4 millóns de euros consignada para a Risga. Este importe, segundo indicou, permitirá cubrir as nóminas anuais de todas as persoas perceptoras desta prestación, desenvolver novos programas de inclusión e deseñar novas axudas orientadas a favorecer o acceso ao mercado laboral das persoas que perciban o IMV, unha condición que a día de hoxe, conforme sinala, non contempla a prestación estatal. 

Ademais, o orzamento do próximo exercicio contempla un incremento do 35% das axudas de inclusión social para fogares vulnerables que teñen necesidades inmediatas, que pasa de 3,3 a 4,5 millóns de euros. 

Comentarios