Remolcan unha embarcación que quedou á deriva tras un novo incidente con candorcas

O barco quedou sen temón, polo que foi trasladado a Muros
Imaxe de arquivo dunha embarcación de Salvamento Marítimo preto de varias orcas
photo_camera Imaxe de arquivo dunha embarcación de Salvamento Marítimo preto de varias orcas

Salvamento Marítimo informou dun novo incidente no mar relacionado coas candorcas en Galicia, despois de que na tarde deste mércores tives que remolcar a unha embarcación á deriva tras un encontro con estes animais. 

En concreto, segundo informa Salvamento Marítimo, a embarcación Gautier sufriu "unha interacción" con candorcas mentres navegaba fronte ás costas galegas. O barco quedou sen temón e á deriva, polo que foi remolcado a Muros pola Salvamar Regulus. 

Este accidente prodúcese o mesmo día que o Ministerio de Transportes limitou a navegación aos barcos de vela de eslora igual ou inferior a 15 metros no espazo marítimo adxacente entre o Cabo Prioriño Grande e Punta de Estaca de Bares para "previr novos encontros coas candorcas que, durante as últimas semanas, protagonizaron varios incidentes na zona costeira de Galicia nos que se viron involucradas embarcacións de vela, principalmente". 

Os incidentes coas candorcas en zonas costeiras españolas empezaron a detectarse o pasado 19 de agosto e, desde entón, producíronse varios ataques a veleiros "que provocaron danos materiais de distinta consideración, sobre todo no temón das embarcacións", recorda o ministerio. 

Algunhas destes incidentes requiriron a intervención de efectivos de Salvamento Marítimo. As interaccións con candorcas afectaron, sobre todo, a veleiros de tamaño medio, dunha eslora igual ou menor a 15 metros. 

Todos os encontros coas candorcas producíronse entre as dúas e as oito millas náuticas de costa e a velocidade de navegación oscilaba entre os 5 e os 9 nós, xa fose exclusivamente a vela ou a vela e motor. 

Comentarios