Requisados máis de 330 quilos de peixe e marisco en varios operativos na costa galega 

Boa parte das incautacións rexistráronse nas rías de Arousa e Pontevedra
Material intervenido por Gardacostas. XUNTA
photo_camera Material intervido por Gardacostas. XUNTA

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron case 10.000 metros de artes de enmalle, preto de 500 nasas para a captura de diferentes especies e máis de 330 quilos de distintos produtos do mar en controis realizados nos últimos días na costa da comunidade.

Nun comunicado, a Consellería do Mar detalla que a ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis incautacións, con case 450 nasas para a captura de distintas especies, e algo máis de 80 quilos de peixe e marisco. Na maioría dos casos tratouse de artes sen identificar, polo que as especies que se atopaban no seu interior foron devoltas ao mar. 

A maiores, na ría de Pontevedra incautáronse 450 metros de artes de enmalle e máis de 90 quilos de produtos do mar, mentres que na ría de Vigo foron requisadas 10 nasas sen identificar e 34 quilos de peixe e mariscos que foron devoltos ao mar. 

Tamén Camariñas foi escenario dunha importante actuación na que se incautaron máis de 6.700 metros de artes de enmalle e requisaron máis de 70 quilos de distintas especies. 

Ademais, o organismo dependente da Consellería do Mar realizou varios operativos na ría de Muros e Noia, que se saldaron coa incautación de máis de 2.200 metros de artes de enmalle, 21 nasas, 22 quilos de peixe e marisco. Os aparellos estaban sen identificar, polo que os exemplares atopados tamén foron devoltos ao seu hábitat natural. 

A Xunta recorda á cidadanía que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de forma irregular pode supoñer un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide aos consumidores que non compren produto fóra das canles legais de comercialización.