Rescatan a un turista que caeu por unha ladeira en Punta Penencia, en Ferrol

O Concello de Ferrol informou de que persoal da Policía Local, Bombeiros e Policía Nacional participaron no rescate dun turista que sufriu un accidente nunha zona de monte baixo Punta Penencia, na parroquia litoral de Doniños.

O incidente, segundo o consistorio, rexistrouse ás 14:00 horas deste domingo, cando o corpo policial municipal recibiu un aviso de alerta.

Ao parecer, o home non era capaz de saír do lugar polos seus propios medios e a súa petición de auxilio foi escoitada por varias persoas.

Segundo as fontes municipais, a persoa paseaba pola zona alta do monte cando se precipitou ladeira abaixo.