O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, cifrou este xoves o custo dos traballos de restauración da figura do século XII da fachada da Catedral de Santiago que apareceu pintada con rotulador azul en entre 10.000 e 12.000 euros. As obras, dixo, realizáronse nun tempo "récord", xa que se iniciaron o mesmo luns pola noite e concluíron este mércores. Os traballos efectuáronse coa maquinaria de restauración do Pórtico da Gloria. "Se non a tivésemos xa aquí, sería máis cara", asegurou.
"Tendo en conta que é unha pintada pequena, imaxinemos que se fixese máis grande. Sería un custo importantísimo, ademais de que estas accións prexudican algo vital para a nosa cultura e economía", reivindicou.
Pola súa banda, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, celebrou o resultado "óptimo" que conseguiron os técnicos de restauración, que son os seus "colaboradores habituais" baixo a dirección da responsable de conservación da institución, Noelia Márquez. Explicou, ademáis, que o proceso de recuperación foi "delicado", porque "se debería procurar que non se perdese volume da masa de mármore" da figura.
De igual modo, subliñou que a Fundación colocou un cártel de 'non tocar' co que buscan que os visitantes "non toquen esa peza" que sufriu o acto vandálico "nin a fachada", porque, prosegue, "ten 900 anos e a pedra ten alteracións".
VIXILANCIA. O autor da pintada aínda non foi identificado. Ao respecto, o conselleiro alegou que os labores de vixilancia tanto do centro histórico como da fachada da catedral de Santiago son "responsabilidade" e "ámbito" da Policía Local e do Concello. A preguntas dos medios, o titular de Cultura da Xunta expresou este xoves que tanto o Consistorio como as súas forzas de seguridade "teñen que ser conscientes" de que a zona vella é unha "xoia cultural, case un museo ao aire libre".
Por iso, afirmou que o Concello ten a "obrigación de manter a seguridade e a convivencia" dun espazo "tan simbólico e tan singular" como a cidade de Santiago de Compostela, distinguida como Patrimonio da Humanidade desde 1985. Ademais, cuestionado sobre se se prevé aumentar as cámaras na zona, insistiu en que, aínda que "todo o que sexa contribuír a preservar e prever" o vandalismo nos monumentos é "positivo", este traballo é "responsabilidade" do Concello.
Neste sentido, o conselleiro destacou que as cámaras de seguridade existentes na zona "non son suficientes" para detectar o infractor, polo que lle desexou "éxito" á Policía na identificación do responsable desta "barrabasada", segundo as súas palabras.