Resulta ferido ao precipitarse desde un poste de seis metros de altura na Veiga

Debido á gravidade das lesións, os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizaron a aeronave medicalizada

O helicóptero medicalizado con base en Ourense foi mobilizado na tarde de hoxe para o traslado dun operario que caeu desde unha altura de seis metros. O incidente ocorreu mentres o traballador realizaba o mantemento dun poste telefónico no concello ourensán da Veiga.

Ás 17:45 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dun compañeiro do traballador accidentado solicitando asistencia médica para o ferido. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) informouse aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Valdeorras e tamén aos membros do GES da localidade.

Debido á gravidade das lesións, os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizaron a aeronave medicalizada, que tomou terra no lugar dos feitos.

Para prestar apoio ao equipo médico, os xestores do CIAE solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.