Retiran o carné 14 meses ao condutor de bus que quintuplicou a taxa de alcoholemia

Foi sorprendido nun control en Asturias cando transportaba 31 pasaxeiros procedentes de Galicia

O condutor de autobús que o pasado sábado foi sorprendido nun control quintuplicando a taxa de alcoholemia permitida cando viaxaba con 31 pasaxeiros procedentes de Galicia foi condenado este martes a catorce meses de retirada do carné de conducir e sesenta días de traballo a beneficio da comunidade.

O condutor aceptou a pena no xulgado de instrución número 2 de Xixón, onde este martes fora fixado o xuízo rápido, segundo sinalaron a Efe fontes xudiciais.

O home, que levaba no autobús a 31 pasaxeiros que realizaban unha visita a Asturias, foi sorprendido nun control preventivo de alcol e drogas establecido pola Garda Civil na rotonda de acceso á localidade de Candás.

O condutor, de 54 anos e veciño do concello asturiano de Llanera, arroxou un resultado de 0,76 miligramos de alcol por litro de aire expirado, taxa que quintuplica á permitida para a condución deste tipo de vehículos, de 0,15 miligramos por aire expirado.

Os 31 pasaxeiros tiveron que esperar dentro do autobús ata que a compañía enviou un novo condutor para continuar a ruta.

O condutor foi citado a un xuízo rápido como acusado dun delito contra a seguridade do Tráfico aínda que a conformidade evitou a celebración da vista oral.