Rodríguez substitúe en Defensa do Monte a Fernández-Couto, encargado da xestión antiincendios 20 anos

Feijóo agradece "máis que moito" os servizos do director xeral saínte, "sen vacacións" os últimos 12 anos
Tomás Fernández Couto-Juanas (Ferrol, 1960). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Tomás Fernández Couto-Juanas (Ferrol, 1960). PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta anunciou este xoves, tras a reunión semanal do seu Executivo, o cesamento como director xeral de Defensa do Monte de Tomás Fernández-Couto, quen se ocupou da xestión da loita contra os incendios na comunidade durante dúas décadas. Empezou en 1996, e desde entón encargouse de todas as campañas coa excepción de tres durante o mandato do bipartito.

Substitúeo Manuel Rodríguez Vázquez, de quen Feijóo destacou que toda a súa traxectoria profesional, con diversos cargos, estivo ligada a Medio Rural. Foi director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. 

Alberto Núñez-Feijóo agradeceu "máis que moito" os servizos prestados por Fernández-Couto —quen estivo, no seu día, no foco dunha investigación pola adxudicación do servizo de helicópteros contraincendios, logo arquivada— e fixo fincapé en que leva "sen vacacións" os 12 últimos anos, tendo en conta que a xestión de incendios esixe especial atención durante o período estival. 

En Twitter pronunciouse o conselleiro de Medio Rural, José González. "Fernández-Couto foi, é e seguirá sendo un dos maiores servidores públicos deste país. Un profesional que dedicou gran parte da súa carreira a combater unha das maiores lacras de Galicia. Como persoa, a súa calidade humana é incomensurable. Grazas por todo", recolle. 

Á súa vez, de Manuel Rodríguez asegurou que se trata dun "excelente profesional" que estará "á cabeza dunha das direccións xerais que máis relevancia teñen no futuro de Galicia: Defensa do Monte". "Foi xefe territorial, director xeral e liderou o equipo que axudou nos incendios de Portugal", apuntou.

Comentarios