Rouba unha minimoto, métea no seu coche e atropela o dono cando lle plantou cara

O comerciante de Fene trataba de evitar que o home escapase do lugar 
Negocio onde se produciu o roubo en Fene. GOOGLE MAPS
photo_camera Negocio onde se produciu o roubo en Fene. GOOGLE MAPS

Un comerciante de Fene foi atropelado e sufriu diversas feridas tras situarse ante o vehículo dun home que lle acaba de roubar un minimoto e trataba de evitar que escapase do lugar. 

O incidente sucedeu sobre as 17,00 horas deste xoves, 21 de novembro, nun establecemento de venda de motos e accesorios, 'Accesorios Frami', situado na avenida Marques de Figueroa 52, en Perlío, na zona urbana de Fene. 

Segundo relatou o propio afectado a Europa Press, un home entrou no establecemento e "levou unha minimoto cara a un coche familiar que tiña aparcado na parte de atrás". Foi entón cando o empresario saíu e colocouse ante o seu vehículo, "momento no que arrincou de fronte" e atropelouno, engadiu. 

A consecuencia desta acción e das feridas sufridas, o propietario foi trasladado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde foi tratado de feridas "en mans, brazos, xeonllos e cadeiras", mentres que o ladrón emprendeu a fuxida. 

Segundo fontes consultadas por Europa Press, tanto o vehículo como o home que levou a minimoto "están perfectamente identificados" e son agora axentes da Garda Civil, que se fixeron cargo da investigación, "os que están a tratar de localizalo". 

Comentarios