jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Rouban un turismo cunha cadela dentro no centro de Castro a plena luz do día

Nika, a cadela roubada. EP
Nika, a cadela roubada. EP

A propietaria estacionou uns segundos o vehículo fronte á farmacia, na avenida Terra Chá, e ao saír percatouse da substracción

 

A tranquilidade do centro da localidade de Castro de Ribeiras de Lea viuse este venres alterada cun furto a plena luz do día. Un home, según precisaron algunhas testemuñas, roubou un vehículo que levaba no seu interior unha cadela.

O suceso ocorreu en torno ás 16.20 horas, cando a propietaria estacionou durante uns segundos o seu Seat Toledo negro -—con placas 4751-CPX— fronte á farmacia, no número 66 da céntrica Avenida Terra Chá.

"Deixou as portas abertas e as chaves, ademais da cadela no interior. Parou só uns segundos a deixarlle unha bolsa á miña nai, que traballa alí", explicou a súa irmá, quen confirmou que non era a primeira vez que o facía.

"Normalmente sae a miña nai, pero esta vez decidiu entrar ela ao non vela. Foi moi rápido, cousa de segundos. Teno feito así mil veces", reiterou a moza, aínda nerviosa polo suceso.

Despois de cumprir co recado, a dona do turismo saíu de novo do establecemento, momento no que se percatou de que xa non estaba nin o coche nin tampouco Nika, a súa cadela de raza shih-tzu, branca e marrón.

"O coche é un coche, pero a cadela é como unha filla para ela. Levou moito disgusto, por iso lle pedimos a todo o mundo que nos axude a atopala", engadiu a irmá, que inundou as redes sociais coa súa imaxe co obxectivo de tratar de dar co seu paradoiro.

"Recompensaremos a quen a atope. Esperemos que non estea fóra do coche, porque xa é maior e con este tempo non poderá aguantar. Pedímoslle a quen a levou que a devolva viva, é moi importante, co coche que faga o que queira", sentenciou.

O suceso, que alertou aos veciños da zona, xa se puxo en coñecemento da Garda Civil. "Xa se interpuxo a denuncia correspondente no cuartel de Castro de Rei", confimou a irmá da dona do vehículo, esperanzada en que alguén poida dar algunha pista para atopar o autor.

TESTEMUÑAS. Segundo trascendeu, algunhas testemuñas que presenciaron o momento no que se produciu o roubo aseguraron que o presunto autor foi un "home non moi maior, co pelo longo e algo canoso», explicou a irmá, engadindo que portaba «uns guantes de pel", todas elas pistas que poderían axudar a resolver este suceso.

Rouban un turismo cunha cadela dentro no centro de Castro a plena...
Comentarios