Os sindicatos retomarán as negociacións tras a proposta de Rueda pero seguirán en folga

O vicepresidente da Xunta compareceu no Hórreo, a cuxas portas se concentraron funcionarios de Xustiza para protestar pola súa situación

Os representantes do comité de folga dos funcionarios da Administración de Xustiza acudirán á chamada da Xunta para retomar as negociacións, pero aclaran que non desconvocarán o paro indefinido. Así se pronunciaron tras o anuncio do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, no Parlamento, quen dixo que chamará o mércores ás organizacións sindicais, aínda que insistiu en que só acudirá en persoa se se suspende a folga.

Os sindicatos non desconvocarán o paro: "É innegociable". As conversas romperon o pasado 20 de febreiro, cando  rexeitaron a presenza do director xeral da Función Pública, José María Barreiro, ao que acusaron de dinamitar as negociacións. Esperan que na próxima mesa, á que a Xunta irá, segundo Rueda, disposta a negociar tamén sobre a parte económica, Barreiro non sexa interlocutor, senón que estea alguén con autoridade por encima del.

Sobre isto, Rueda dixo que a postura da Xunta non será "inamovible en ningunha oferta", "tampouco na económica", pero matizou que se os sindicatos "se manteñen nos case 3.000 euros ao ano, nin con Rueda nin sen Rueda" se chegarán a un acordo.

636559338215948526w

COINCIDE A OPOSICIÓN. Pola súa banda, os grupos da oposición no Parlamento galego (En Marea, PSOE e BNG) coincidiron en denunciar que Rueda mente ao defender as cantidades das ofertas presentadas aos sindicatos. Ademais, rexeitaron que a reivindicación destes funcionarios sexa unicamente unha cuestión salarial.

Na súa intevervención, o vicepresidente da Xunta tendeu a man aos sindicatos para "pechar o conflito", pero avisa de que o Executivo autonómico "non pode aceptar" a subida que demandan os sindicatos de "2.700 euros anuais".

Así, espera que "haxa a mesma receptividade" de "todos os sindicatos", porque "a maioría desexan unha solución negociada canto antes mellor", nun conflito que considera é "simplemente de carácter económico". 

Despois de destacar que a Xunta mantivo 12 reunións cos sindicatos, con catro ofertas económica "á alza", remarcou que a proposta do Goberno galego ofrece un aumento con de uns 1.000 euros anuais de media, pero deixa claro que non ve asumible o incremento salarial que propoñen os sindicatos de "2.700 euros ao ano". 

Protestas dos funcionarios ante O Hórreo
Máis dun centenar de traballadores de xustiza –aínda que había funcionarios que seguían chegando tras o inicio do pleno– concentrouse este martes ante o Parlamento galego con motivo da comparecencia de Rueda.

"Rueda, escoita, estamos en loita" e "Nin un paso atrás" foron algúns dos cánticos que se escoitaron este martes, mentres unha ringleira de policías se atopaba ás portas da Cámara. Durante a súa protesta fixeron soar os seus chifres e bucinas, á vez que portaban carteis nos que se podía ler 'Non a discriminación laboral na xustiza galega', con persoal con camisetas co lema Xustiza en loita