Rueda dá a folga de Xustiza por finalizada e elimina os servizos mínimos

Os sindicatos teñen ata o venres ás 14.00 horas para adherirse á proposta da Xunta

 

Alfonso Rueda. XOÁN REY (ARCHIVO)
photo_camera Alfonso Rueda. XOÁN REY

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que "xa non hai folga" na Administración de Xustiza de Galicia e, por tanto, a próxima semana xa non haberá servizos mínimos. Antes dun acto vinculado ao Día das Letras Galegas, explicou aos xornalistas que este martes o Goberno autonómico levou á mesa sectorial de Xustiza "unha proposta xa coñecida na que se prevén subidas salariais importantes". "O que queremos é que se poidan facer efectivas canto antes e que os funcionarios poidan empezar a recibir esas melloras xa desde este ano (...) Nosa intención é pechar a folga e empezar a aplicar o acordo canto antes", mantivo.

Consultado pola posición da Xunta no caso de que o venres, ás 14 horas, cando termina o prazo de adhesión, ningún dos sete sindicatos avale a oferta, o tamén conselleiro de Xustiza asegurou que o acordo "ten que vir por dúas partes", pois os representantes do Goberno galego deixaron a porta aberta a retirar a oferta se tiñan que aplicala de forma unilateral. "Seguimos facendo un chamamento á responsabilidade dos sindicatos que queiran ser responsables para poder chegar a ese acordo que este martes propoñiamos na mesa sectorial", apelou.

Esperará ao venres, que é o prazo marcado, "para ver se realmente hai sindicatos e, por tanto, representantes dos traballadores de acordo en que empecemos a aplicar canto antes esas melloras". "Estamos seguros de que hai moitos funcionarios que esperan que así sexa, pero a Xunta de Galicia con quen ten que falar é cos representantes sindicais", declarou tras a votación desa oferta que foi rexeitada polos traballadores, aínda que segundo Rueda nunha cita coas urnas na que non foi posible "votar en liberdade".

A partir de aí, en función da resposta sindical, a Xunta tomará as súas "decisións" sobre se aplica o acordo, que o fará se ten respaldo. "É necesario empezar a traballar xa nese plan de recuperación, pero para iso fainos falta pechar a folga", continuou antes de comentar que "cun seguimento que este mércores volve ser testemuñal de apenas un tres por cento, os servizos xa non teñen sentido" e, por tanto, xa non existirán o luns.

"Por tanto, xa non hai folga —engade-, empecemos a traballar no camiño da recuperación do traballo e da normalización do día a día dos xulgados", engadiu, aínda que matiza que "para iso fai falta saber o que nos responden os sindicatos". Pretende, por tanto, "estar no día seguinte ao que foi a folga", pois quere deixar atrás os trámites necesarios para deixala pechada de maneira definitiva, para o que espera algunha resposta afirmativa antes das 14 horas do venres.

Comentarios