martes. 18.05.2021 |
El tiempo
martes. 18.05.2021
El tiempo

Rueda insta os sindicatos do sector xudicial a recapacitar e volver sentar a negociar

Alfonso Rueda con Milagros Otero. LAVANDEIRA JR.
Alfonso Rueda con Milagros Otero. LAVANDEIRA JR.

O vicepresidente reitera que a oferta da Xunta segue sobre a mesa e defende que cada parte ten dereito a elixir os seus interlocutores

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou este mércores os sindicatos que representan os traballadores do sector xudicial, en folga indefinida desde o pasado 7 de febreiro, a recapacitar e volver sentar, aínda que puxo en dúbida que en realidade queiran alcanzar "un acordo". Como argumento, após entregar dous informes á valedora do Pobo, Milagros Otero, o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza esgrimiu que un sindicato colgou en redes sociais un calendario cunha listaxe de actos e mobilizacións "até o 9 de marzo" (Alternativas na Xustiza colgou en Twitter un documento deste tipo). 

"Iso que quere dicir, que non se vai negociar até o 9?", preguntouse Rueda, quen remarcou que o Goberno galego puxo sobre a mesa unha oferta que mantén e sobre a que se pode falar, aínda que non se mostrou favorable de subir a proposta de incremento retributivo (de entre 816 e 1.080 euros máis ao ano, segundo o corpo). Nesa liña, reclamou que "se digan as cousas como son" e insistiu, aínda que os sindicatos o negan, que o resto de puntos están canalizados ao acordo. Mesmo no caso dos descontos polas baixas, defendeu que a Xunta ofreceu trasladar "a parte máis favorable" que se acorde no ámbito estatal. 

"Para todos os empregados públicos, non só para os de xustiza, como é o xusto, o normal e o entendible", puntualizou, antes de volver defender a proposta da Administración galega, que situaría os funcionarios de xustiza da comunidade "por encima da media do conxunto do Estado". Por iso, reafirmouse en que "non é cuestión de movela". 

"Imaxínense que dirían os sindicatos se a Xunta se levantase dicindo que non lle gustan os representantes sindicais que están na negociación, como estarían a protestar, dicindo que é inadmisible e non se pode tolerar", esgrimiu Rueda, en referencia á esixencia dos sindicatos de que a Administración cambie de interlocutor para poder "avanzar". E é que até agora a delegación da Xunta nas negociacións estivo encabezada polos directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e Función Pública, José María Barreiro, cuxa marcha esixiu o comité de folga para volver sentar, ademais de insistir en que o propio Rueda debería implicarse de forma directa.

"LIBERDADE" DE ELIXIR INTERLOCUTORES. Nesta conxuntura, Rueda fixo un chamamento á "responsabilidade" dos sindicatos e reivindicou que se respecte "o dereito e a liberdade" do Executivo autonómico para elixir quen lle representan nas negociacións, igual que a Xunta respecta, "como non podía ser doutra maneira", que o comité elixa os seus representantes. 

A continuación, criticou a actitude dos sindicatos e suxeriu que, ou ben "non o queren entender así", ou "non teñen moito interese en negociar". "Así é moi difícil", advertiu, antes de lamentar os "prexuízos" que se poida causar aos cidadáns. 

Dito isto, insistiu en que a disposición do Executivo é "facer todo o posible por chegar a un acordo" canto antes, como demandaron varias voces de colectivos do sector. "Pídolles que volvan porque sería bo chegar a un acordo canto antes, pero quedámonos sen interlocutor", manifestou, en referencia a que o comité se levantou na pasada xornada. 

Rueda insta os sindicatos do sector xudicial a recapacitar e volver...
Comentarios