jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Sanidade endurece as restricións en catro rúas de Ourense e implántaas en Verín

Tres homes nunha terraza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Tres homes nunha terraza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
As medidas elimínanse en A Guarda e O Rosal, así como en Arteixo, onde permaneceron vixentes seis semanas 

A evolución epidemiolóxica da covid-19 na provincia de Ourense levou ao grupo de expertos que asesora á Xunta a implantar medidas restritivas en aforamentos e reunións no municipio de Verín, así como a endurecer as xa vixentes na cidade de Ourense en catro rúas. 

Segundo informou a Consellería de Sanidade, a reunión do subcomité clínico deste venres determinou manter as medidas vixentes no concello de Lugo, así como nos municipios de Santiago Silleda, Lalín, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e varios barrios do concello da Coruña.

A novidade é que endurece as restricións especificas en catro rúas da cidade de Ourense: Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal. Nelas, como xa pasou anteriormente co barrio da Milagrosa de Lugo e co municipio de Arteixo, non poderá haber reunións de máis de cinco persoas e nin bares nin cafetarías poderán servir no interior dos establecementos. Nas terrazas, con aforamento limitado do mesmo xeito que no resto de áreas con medidas especiais, non poderá haber grupos de máis de cinco persoas, como tampouco nos restaurantes, que si poderán servir dentro do local. 

Ademais, na vista da situación epidemiolóxica da covid-19 en Galicia, adoptouse a decisión de incluír a Verín no grupo de concellos con restricións vixentes, esta vez de forma xeneralista. 

Entre as medidas que afectan a estes concellos destacan a limitación dos aforamentos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e de hostalaría, onde está prohibido o consumo en barra. As reunións limítanse a 10 persoas e establécese unha redución de aforamentos en celebracións, velorios e lugares de culto. 

A área sanitaria de Ourense conta este venres con 511 casos activos de covid-19 e detectou na última xornada 37 positivos. Na última semana, as autoridades sanitarias detectaron até nove brotes diferentes de coronavirus no concello da capital e en Verín, o seu hospital comarcal rexistra 11 ingresos de pacientes covid, a cifra máis alta desde o mes de abril.

LEVÁNTANSE EN ARTEIXO, A GUARDA E O ROSAL. Por outra banda, o subcomité decidiu levantar as restricións nos municipios pontevedreses de A Guarda e O Rosal —implantadas hai unha semana— e en Arteixo, onde estaban vixentes desde o pasado 8 de agosto. Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a medianoite. 

Sanidade endurece as restricións en catro rúas de Ourense e...
Comentarios