martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

Sanidade ve os casos "estabilizados" e unha situación "moi lonxe de empeorar"

Carmen Durán
Carmen Durán
A directora xeral de Saúde Pública elude dicir o número de persoas dedicadas ao rastrexo, que define como un "equipo multidisciplinar" 

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, defendeu que a situación epidemiolóxica en Galicia pola incidencia do coronavirus está "moi lonxe de empeorar de maneira exponencial" e expuxo que a situación está "estabilizada". 

"Con tendencia á baixa desde agosto, a transmisión do virus está a reducirse", sinalou a preguntas da deputada do BNG María Montserrat Prado na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego. 

En concreto, a súa resposta estivo vinculada á pregunta do BNG en relación ás medidas do Goberno galego ante a evolución do covid en Galicia e con reproches tamén por parte da deputada nacionalista á "falta de transparencia inadmisible" en relación á información que se facilita. 

E é que a deputada situou a Galicia "á cabeza na opacidade" en relación cos datos do covid. Ademais, na súa intervención, lamentou "que a estratexia" para facer fronte á pandemia "non pase por reforzar a Sanidade pública". 

Fronte as súas críticas, a directora xeral de Saúde Pública defendeu o traballo feito desde a Xunta, aludindo, entre outras cuestións, ao rastrexo; ás probas para detectar posibles positivos ou as actuacións vinculadas cos brotes.

INCIDENCIA. "A 16 de setembro, no 78,8% dos casos non se sabe a orixe", dixo a deputada nacionalista en referencia a un informe do Instituto de Saúde Carlos III e incidindo en que se trata dunha porcentaxe por encima da media nacional. 

A directora xeral de Saúde Pública replicou que a taxa de incidencia por cada cen mil habitantes en Galicia está "por baixo" da media española, facendo referencia, para iso, ao mesmo estudo. Tamén apelou ao "esforzo no control de brotes". 

"Está a dar os seus froitos", sentenciou despois de que a deputada nacionalista requirise apostar por estudos de monitorización das augas residuais para detectar "carga viral" e aplicar medidas en base a eles. "Estamos a actuar en base a probas máis sólidas", expuxo Carmen Durán.

RASTREXADORES. Na comisión, tamén se centrou o debate na figura dos 'rastrexadores'. En particular, a deputada nacionalista requiriu á directora xeral de Saúde Pública que especificase que número de persoas que son e como se realizan os rastrexos. 

Carmen Durán dixo que responde "a un modelo flexible, baseado na xestión por procesos e integrado por equipos multidisciplinares". "Os profesionais de medicina preventiva e saúde laboral das distintas áreas sanitarias identifican casos e contactos en hospitais e profesionais do Sergas", citou como parte deles. 

A estes, sumou "o servizo de vixilancia epidemiolóxica, nos que se integraron traballadores sociais, fundamentais na educación e residencias", dixo sobre os posibles casos nestes centros. 

Durán engadiu a este colectivo o persoal de Atención Primaria, "que realizan o seguimento dos contaxiados nos seus domicilios" e a "central de seguimento de contactos", "integrado por profesionais perfectamente formados e que, ademais, dispoñen de protocolos, de procedementos elaborados desde Saúde Pública". 

Antes Montserrat Prado recriminoulle que a única información da que dispoñen "é que se contratou un call center e sabemos que unha persona que está á fronte desta empresa ten relación directa co presidente da Xunta". 

INTERLOCUCIÓN COS CONCELLOS. Desde as filas do PP, preguntouse tamén pola interlocución cos concellos en relación aos datos do covid, tras as queixas expostas por algúns municipios. Desde esta formación negouse que faltase comunicación. 

"Desde un primeiro momento contouse coa presenza e a voz das entidades locais", replicou Alberto Fuentes, que apelou tamén ás reunións diarias nos concellos con restricións. 

Sanidade ve os casos "estabilizados" e unha situación "moi lonxe de...
Comentarios