jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Santalices cre que sería "magnífico" arrincar a lexislatura cun pacto unánime pola reconstrución

Miguel Santalices en el Parlamento.XOÁN REY
Miguel Santalices en el Parlamento.XOÁN REY
El Presidente del Parlamento considera que Feijóo es "imprescindible" para su partido y que tiene una capacidad de gestión de la que no se podría prescindir en la actualidad 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, considerou que arrincar a lexislatura cun pacto pola reconstrución apoiado polos tres grupos con representación na Cámara galega sería "magnífico". 

"Sería unha imaxe magnífica", afirmou este domingo nunha entrevista á Cadea SER recollida por Europa Press, na que considerou que os próximos catro anos estarán marcados pola necesidade de axudar "ás persoas" que sofren a COVID-19 e as súas consecuencias, algo sobre o que "ten que haber acordo", incluso "por encima das discrepancias políticas". 

Ese consenso é, ao seu xuízo, "a mellor homenaxe" ás vítimas da enfermidade e "é algo que a xente está a esperar". O feito de que sexan tres partidos na Cámara pode facilitar o acordo, dixo, aínda que manifestou que cre que a base para o mesmo é que haberá que lexislar sobre "o humano". 

Aos deputados suxeriulles que "poñan un pouco o retrovisor" para que vexan "exemplos" de que "as estridencias non son nada boas" e pediu que manter "unhas formas e unha dignidade" no debate, aínda que se poida "turrarlle un pouco" ao adversario político. 

Santalices dixo que lle sorprendeu un pouco que Galicia en Común non obtivese representación e considerou que é "produto" da "fragmentación enorme" que se viviu na Cámara galega. 

Sobre o presidente da Xunta en funcións e compañeiro de partido, Alberto Núñez Feijóo, Santalices dixo que é "un brillante xestor e un home que afrontou esta situación tan crítica dun xeito exemplar". 

"Non se canto durará isto -a crise da COVID-, pero sei que, mentres isto dure, Feijóo é un home imprescindible, aquí e onde sexa", defendeu, en resposta a se considera que podería continuar a súa carreira política en Madrid. "Ten uns coñecementos extraordinarios e unha capacidade de xestión e anticipación da que neste momento non poderiamos prescindir", manifestou. 

Sobre se se ve a si mesmo como senador por designación autonómica, Santalices indicou que acaba de ser elixido presidente do Parlamento galego e que esta é a súa "misión".

"Tan mal está o Senado para que vaia eu a presidilo?", chanceou. 
Para arrincar os traballos, indicou que este luns hai unha reunión da Mesa do Parlamento, na que presentará un calendario para os trámites necesarios para constituír os grupos e as comisións, celebrar a sesión solemne da apertura da lexislatura e acoller o debate de investidura. 
 

Santalices cre que sería "magnífico" arrincar a lexislatura cun...
Comentarios