O xulgado deixa en liberdade o home detido por filmar a mulleres nas rúas de Santiago

Nos rexistros que se efectuaron en Compostela e A Coruña incautáronselle grandes cantidades de material informático

Carteles que alertan del individuo que se dedica a filmar a chicas por las calles de Santiago. EP
photo_camera Carteles que alertan del individuo que se dedica a filmar a chicas por las calles de Santiago. EP

O xulgado de instrución número 2 da Coruña, en funcións de garda, deixou en liberdade ao home de 34 anos, veciño de Santiago de Compostela, detido esta semana por gravar a mulleres pola rúa, algunhas menores de idade, sen o seu consentimento e posteriormente subir o contido audiovisual a páxinas de contido sexual explícito. 

Segundo indican fontes do TSXG, "o delito, se se considera que existe, verase ao longo da instrución".  Ademais, o xulgado da Coruña inhibirase a favor doutro en Santiago, segundo as mesmas fontes. 

Nun comunicado, a Policía Nacional explica que foi esta mesma semana cando comezaron a recibir numerosas denuncias -hai identificadas 17 vítimas até a data- de mulleres nas que comunicaban que foran gravadas sen o seu consentimento pola rúa.

As denunciantes coñeceron a existencia destes vídeos a través de redes sociais tras ser advertidas por amigos ou coñecidos.  Os axentes iniciaron unha investigación por mor da "pegada" dixital do sospeitoso que foi detido na Coruña. 

Durante a operación os axentes rexistraron dous domicilios particulares, un en Santiago de Compostela e outro na Coruña, onde interviñeron gran cantidade de material informático, como discos duros externos de gran capacidade de almacenaxe, cartóns de memoria, un computador portátil de alta gama, etc., así como un teléfono móbil co que presuntamente realizaba as gravacións.