A secretaria do PSOE da Coruña di que a alcaldesa achegou "0 euros" ao partido e ela 3.500

Eva Martínez Acón. TWITTER
photo_camera Eva Martínez Acón. TWITTER

A secretaria xeral da Agrupación Socialista Coruñesa, Eva Martínez Acón, defendeu as súas achegas ao partido desde que tomou posesión como concelleira e ata o día 10 —cando lle foron retiradas as súas competencias de goberno—, fronte ao abono de cero "euros" que asegura que realizaron a alcaldesa, Inés Rey, e o portavoz municipal, José Manuel Lage. 

Nun comunicado, afirma que "a contía total das súas achegas ao partido nos 16 meses desde que tomou posesión como concelleira ascenden a 3.500 euros". "Nese tempo, tanto a alcaldesa como o portavoz municipal abonaron cero euros á organización". 

En concreto, sinala que a cota mensual correspondente aos seus ingresos públicos como concelleira na Coruña con dedicación exclusiva, de 59.000 euros anuais, "estímase en 243". 

A maiores, Eva Martínez Acón apunta que, ademais dos importes que ingresou ao partido pola vía das cotas, adiantou un pago "por importe total de 359 euros". "Tal e como se pode acreditar con facturas, para o mantemento do dominio web, a cota anual da plataforma Zoom e material de prevención fronte á covid para a agrupación".

"En cambio, a primeira achega da alcaldesa desde a súa chegada ao cargo foi de 300 euros", o mesmo día, sostén, no que a Acón lle comunicou o seu cesamento, o pasado 10 de novembro. Ademais, engade que ata a crise municipal, "os únicos que realizaron achegas ao partido" foron os concelleiros Jesús Celemín e Diana Sobral, ademais de Acón, segundo argumenta ela mesma. 

"Abonei 3.500 euros do total de 3.888 euros que me corresponden e esa diferenza explícase en base aos adiantos que realicei e que agora teño que regularizar", conclúe. 

O PSdeG nega unha ruptura co goberno local pero esixe aos edís respecto "ás normas do partido"
O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena negou este mércores que exista unha "ruptura" co goberno local da Coruña pero esixiu aos concelleiros que respecten "a ética e a normativa". "A verdade é que durante 16 meses unha serie de cargos públicos coruñeses incumpriron coas súas achegas ao partido", dixo en rolda de prensa. 

Despois de que Eva Martínez Acón —próxima á dirección do PSdeEG— fose apartada das súas responsabilidades no goberno municipal pola alcaldesa, Arangüena compareceu na Agrupación Socialista Coruñesa, onde volveu vincular o feito de que esta concelleira esixise as achegas debidas polos integrantes do goberno local coa súa destitución. 

Aínda que negou que o partido se sitúe con ningunha parte do conflito, o número dous do PSdeG rexeitou as acusacións de abandono de funcións feitas por Inés Rey á edil ao asegurar que Martínez Acón "é coñecida por ser enormemente traballadora" e "honesta". Así, destacou que "nunca viviu da política" e lamentou o "escarnio público" ao que foi sometida dixo, "por intentar que se cumpran as normas". 

Resposta desde o goberno local
Inés Rey, pola súa banda, rexeitou pronunciarse sobre "cuestións relativas ao ámbito interno" do partido tras ser preguntada nunha rolda de prensa. "Hai outros foros para dirimir estas cuestións", dixo.
 
Nesa liña, o portavoz municipal, José Manuel Lage Tuñas, que comparecía xunto á alcaldesa, tamén descartou falar de asuntos internos. Defendeu que o goberno local "está dedicado a resolver problemas de cidadáns", aínda que despois aconsellou aos que si que tratan estas cuestións que "fagan o seu traballo. "Os que falan farían ben en facer oposición a Núñez Feijóo e facer o seu traballo alí onde foron elixidos para facelo", sinalou. 

Conflito
O conflito aberto entre os socialistas coruñeses enmárcase nun contexto de enfrontamentos entre partidarios da dirección do PSdeG, como a propia Martínez Acón, e socialistas afíns ao aparato provincial, do que forma parte o propio portavoz municipal como secretario de Organización. 

Comentarios