lunes. 06.04.2020 |
El tiempo
lunes. 06.04.2020
El tiempo

O sector inmobiliario teme que os elevados alugueres 'espanten' o turismo a Portugal

Piso en aluguer en Sanxenxo. DP
Piso en aluguer en Sanxenxo. DP

Na milla de ouro de Sanxenxo 15 días de agosto valen 2.800 euros ► Na provincia tamén O Grove-A Toxa e Vigo exceden os 2.000

Alugar unha vivenda para as vacacións de verán na milla de ouro do turismo galego, Sanxenxo, pode supor un desembolso de case 6.000 euros ao mes, segundo reflexa un estudo da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que confirma que o nicho de mercado dos pisos estivais disparouse e incluso descontrolado moi por encima do nivel de vida. Son cifras que case se repiten no Grove ou Compostela e, ante esta situación, os profesionais do sector reclaman "mesura" e alertan dos riscos de acabar coa galiña dos ovos de ouro.

"Os prezos actuais non se corresponden coa renda per cápita galega", alerta Benito Iglesias, presidente do colectivo Fegein. E aínda que "a maioría" da demanda de alugueres vacacionais en Galicia procede do resto de España, onde a renda das familias adoita ser superior á galega, "os prezos actuais considerámolos elevados e poden producir un efecto rexeito" en beneficio doutras "zonas como o Levante ou as illas, incluso o norte de Portugal, con prezos máis competitivos", explicou o propio Iglesias.

O portavoz do sector inmobiliario galego insistiu en palabras como "mesura" e "prudencia" aos propietarios de inmobles á hora de alugar, para evitar que se cheguen a pagar prezos como o antes citado de Sanxenxo. E aínda que se trata dun fenómeno máis propio da franxa costeira galega, tamén afecta a outros puntos quentes do turismo interior como Santiago de Compostela.

A Fegein recorda que a regulación da chamada vivenda vacacional "e a súa posterior e continuada alza de prezos desde o segundo trimestre de 2017", unido a unha maior mobilidade laboral e á falta de financiamento para a vivenda en propiedade "derivaron nun encarecemento do aluguer da vivenda tradicional nas sete grandes cidades e as súas áreas de influencia". Por iso, desde o colectivo insisten en medir ben para "non repetir erros de hai unha década", cando picou a burbulla do ladrillo.

PREZOS MEDIOS. Segundo os datos do estudo de alugueres da propia federación publicado onte, o custo de arrendar dúas semanas un apartamento na provincia da Coruña oscila entre os 1.300 euros de Carnota e os 2.000 euros de Santiago. alugueresA zona de Arousa norte (Boiro, Ribeira ou Rianxo) sería a máis demandada. No seu conxunto, a oferta vacacional para xullo e agosto na provincia é do 30% do total.

Lugo é, un ano máis, a costa máis barata de Galicia. Pódense chegar a pagar 1.500 euros por unha quincena en Ribadeo, pero a cantidade xa baixa en Foz, Barreiros ou Viveiro, os outros epicentros do turismo estival lucense, onde a oferta é dun 35% do total.

A palma adóitaa levar, como cada verán, Pontevedra, en concreto en área entre Sanxenxo e Portonovo. Alí chéganse a desembosar ata 2.800 euros por quince días. E non moi lonxe, no Grove e a Illa da Toxa, páganse 2.400. Tamén supéranse os 2.000 en puntos como Vigo ou Bueu. A oferta vacacional de dous meses é do 38% do total.

A previsión lanzada desde o sector para este verán apunta cara a un comportamento similar aos dous últimos exercicios, cun "leve" crecemento dos prezos, así como un repunte nas operacións de compravenda de vivenda residencial, sobre todo en Portonovo-Sanxenxo, "como referente da recuperación da vivenda turística".

O sector inmobiliario teme que os elevados alugueres 'espanten' o...
Comentarios