Segue a procura do autor do atropelo mortal de Vilanova de Arousa

Ao parecer, conducía un coche deportivo -Mercedes- de cor branca. Unha das persoas presentes sostén que circulaba de forma temeraria e a gran velocidade 
Atropello en Vilanova. DP
photo_camera O punto do atropelo mortal de Vilanova. DP

As forzas de seguridade proseguen buscando ao condutor que este martes acababa coa vida dunha septuaxenaria en Vilanova de Arousa ao alcanzala co seu coche. Segundo testemuñas do suceso, o responsable do atropelo continuou a marcha logo de producirse o sinistro. Ao parecer, circulaba nun coche deportivo -Mercedes- de cor branca. Unha das persoas presentes sostén que circulaba de forma temeraria e a gran velocidade.

Varios particulares contactaban co 112 Galicia sobre as 20.15 horas do martes para alertar do sucedido, que ocorreu na rúa de Don Agustín Jambrina, en Vilanova de Arousa. A pesar dos esforzos, o equipo médico desprazado nada puido facer por salvar a vida da muller atropelada, que era oriúnda e veciña de Vilanova.
 
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil de Tráfico , que onte mesmo puña en marcha un control para dar co responsable, e da Policía Local, dos Bombeiros de Vilagarcía e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilanova de Arousa.