lunes. 06.04.2020 |
El tiempo
lunes. 06.04.2020
El tiempo

Senra cre que a Xunta "debería convencer e non obrigar" a vacinar aos bebés

Lidia Senra. AEP
Lidia Senra. AEP

A eurodeputada evita polemizar con Anova, que a impulsou en 2014, e cre que un pacto de coalición debe "garantir" presenza e "independencia" para En Marea

A eurodeputada galega Lídia Senra e cabeza de lista de En Marea ás eleccións europeas do próximo mes de maio salda a polémica na que se viu inmersa após unha iniciativa sobre as vacinas nas que preguntaba sobre a obrigatoriedade do seu uso e a información existente sobre elas: "A cuestión non é vacinas si ou vacinas non, senón ter acceso a unha sanidade pública e de calidade". 

Senra evita entrar a valorar a etiqueta antivacunas que se lle colgou após esa pregunta parlamentaria e rexeita que a súa postura "a nivel individual poida ter interese". Así, nunha entrevista concedida a Europa Press, insistiu en que se trata de que "todo o mundo teña acceso á sanidade pública a todos os niveis —farmacia, medicamentos—". É dicir, cuestiona que a investigación estea "en mans privadas", porque "vai primar sobre todo os intereses e que dea beneficios", e aposta por que "a elaboración de produtos medicamentos, de todos os medicamentos, sexa tamén de control público". 

Preguntada pola medida que adoptou a Xunta de incluír como requisito de acceso ás gardarías sostidas con fondos autonómicos que os menores teñan ao día o calendario de vacinación subvencionado, xulgou que "a actitude" do Goberno galego "debería ser máis de convencer que de obrigar". E sobre se cre que esta medida será tombada en instancias xudiciais, a eurodeputada advertiu que o Goberno verá "onde pode acabar ou non" e reafirmouse en que ela é "máis partidaria de convencer".

SOLDOS PÚBLICOS. Agricultora de profesión e exdirixente do Sindicato Labrego Galego (SLG), Senra, que afirma que salvo excepcións procura viaxar "como antes" (en referencia a clase turista e non en primeira como paga a UE) reivindica a actuación que levou a cabo no últimos cinco anos e rexeita falar en termos de privilexios dos eurodeputados: "Paréceme unha formulación mal feita, o que si creo é que, se discutimos de soldos públicos, porque moitas veces se pon na picota o soldo dun deputado —que é unha persona que nun momento determinado tes unha responsabilidade— debería ser de todos os soldos públicos en xeral e imos ver se están adaptados ou non, se hai que subir ou non". 

"Eu estou de disposta, pero de todos: desde o que cobra un xuíz, un decano de universidade, un catedrático, un profesor, un médico ou o que cobra calquera persona do erario público", manifestou, antes de indicar que "calquera traballador ten que ter garantido un soldo que lle permita vivir con dignidade" e, "máis aló", calquera persona "polo mero feito de estar neste mundo, ten que ter garantidos uns mínimos que lle permitan vivir con dignidade". 

Coa vista posta no futuro, Lídia Senra, que volvería á súa actividade anterior no caso de non conseguir representación na Eurocámara, augura que se conseguirá revalidar o escano. "Eu son optimista, creo que o traballo está feito e que En Marea segue facendo o traballo que viña facendo, segue fiel aos principios de cando se fundou e penso que non debería penalizarse", manifestou ao ser preguntada pola división do espazo rupturista co que concorre, co apoio recibido por Luís Villares. 

En 2014, foi Anova o partido que propuxo o seu nome, formación que hoxe en día está por ver cal é a súa postura nas eleccións europeas e cuxa dirección se distanciou da de En Marea. "Cada un terá que explicar como actúa e por que se abandona nun momento determinado un espazo común", expresou sobre a división do espazo de confluencia e, preguntada por se sente abandonada polo partido cofundado por Xosé Manuel Beiras, respondeu: "Forma parte do pasado. A min gustaríame que apoiasen, pero é a súa decisión e terán que dicir por que chegaron aí". 

Respecto diso das negociacións con outras forzas do Estado para crear unha plataforma para as europeas, Senra considerou que un bo acordo pasaría por "ter presenza (ao longo da lexislatura), independencia e capacidade de decidir o grupo ao que se adscribe e ser delegación propia de En Marea".

POLÍTICA AGRARIA. Sobre a nova Política Agraria Común (PAC), Senra dúbida do compromiso da Xunta (acerca da alianza con comunidades do norte en defensa de pequenas explotacións e polo relevo xeracional). "E desde logo, creo que temos que seguir insistindo e sería moi importante que a nivel social houbese un debate amplo sobre o que a agricultura significa para a cidadanía, porque cando falamos de agricultura falamos de alimentación, de medio ambiente, de emprego directo e indirecto", apuntou. 

Lídia Senra tamén traballa en contra dos plans paneuropeos de pensións, que considera que "vai seguir consolidando desigualdades" e "non ten garantías", e esixe á Comisión Europea e aos estados que "reforcen os sistemas de pensións públicas e aseguren unha pensión digna para que todas as persoas ao final da súa vida laboral (ou os demais supostos)". 

Senra cre que a Xunta "debería convencer e non obrigar" a vacinar...
Comentarios