O Sergas alerta do risco dos partos sen asistencia e das correntes 'pseudocientíficas'

Tras o caso de Vigo, recorda que un dos "fitos" do Estado do Benestar é que os partos sexan atendidos por profesionais sanitarios

Una mujer embarazada. EP
photo_camera Una mujer embarazada. PIXABAY

O Sergas recordou este mércores a importancia de que as gestantes estean sometidas a controis médicos durante o seu embarazo así como asistidas por profesionais sanitarios no parto que, aínda que é un proceso natural, "non está exento de riscos". 

Sanidade incidiu nesta cuestión tras coñecerse o falecemento da un bebé durante un parto domiciliario en Vigo e subliñou que, coa supervisión destes profesionais, a seguridade das nais e os bebés está "plenamente garantida" nos centros sanitarios públicos. 

Segundo apuntou o Sergas, a propia Organización Mundial da Saúde, no seu último informe, revela que cada día falecen no mundo 830 mulleres por causas previbles relacionadas co embarazo e o parto, e o 99 por cento desas nais viven en países en vías de desenvolvemento. 

Así mesmo, sinalou que todas as mulleres necesitan acceso á atención prenatal durante a xestación, acceso á atención especializada durante o parto e apoio durante as primeiras semanas tras o nacemento dos seus fillos. 

Segundo puntualizou Sanidade, "as diferentes correntes pseudocientíficas que optan por procesos ou terapias que non contan con todas as garantías incrementan os riscos e comprometen a saúde tanto da nai como do bebé".

"NON TRIVIALIZAR". Por iso, insistiu, "é importante que todos os partos sexan atendidos por profesionais sanitarios capacitados", dado que unha correcta atención pode supor "a diferenza entre a vida e a morte" para o bebé ou para a súa nai. 

"Polo tanto, non se pode banalizar ou trivializar un proceso que, aínda que biolóxico e natural, non está exento de riscos para a saúde. Hai que controlar e vixiar o embarazo e o parto coas medidas mínimas que garantan a seguridade", aseveraron fontes de Sanidade, e engadiron que o control da seguridade materno infantil é un dos "fitos" do Estado de Benestar. 

Comentarios