O Sergas estende a todas as áreas sanitarias o test rápido sen baixar do coche

As autoridades sanitarias lembran que esta proba se realiza con indicación médica e cita previa
Una técnica del Hula reailza una prueba de detección del coronavirus a un conductor. EP
photo_camera Unha técnica do Hula realiza unha proba de detección do coronavirus a un condutor. EP

O Servizo Galego de Saúde implantará en todas as áreas sanitarias o novo sistema habilitado para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos e sen que teñan que baixar dos mesmos. Iso si, as autoridades sanitarias lembran que só se fará este test ás persoas que teñan prescrición facultativa e cita previa.

O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrado na historia clínica electrónica do paciente. Con esta medida, remarca Sanidade, búscase complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que viron como aumenta a súa demanda nos últimos días.

O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos, xa que posibilita que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI), xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambialo con cada paciente.

Na actualidade, este test xa funcionan en Vigo, Ourense e Lugo. Está previsto que este venres empece na Coruña e Pontevedra, e o luns, en Santiago e Ferrol.

O 061, para casos graves e emerxencias
Nun comunicado, a Consellería de Sanidade lembrou que os cidadáns deben recorrer ao número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, o Sergas ten a disposición dos cidadáns a web https://coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Nesta páxina tamén se pode atopar un test interactivo, elaborado por persoal sanitario, para proporcionar á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus.

Comentarios