martes. 22.09.2020 |
El tiempo
martes. 22.09.2020
El tiempo

O Sergas pide máis control fronteirizo ante un 65% de casos importados

Viaxeiros con máscaras no Prat. ENRIC FONTCUBERTA
Viaxeiros con máscaras no Prat. ENRIC FONTCUBERTA
A maioría ten a súa orixe en galegos que se desprazan a outras zonas e despois regresan ou en cidadáns que veñen a Galicia desde o seu lugar de residencia

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, asegurou este domigno que practicamente o 65% dos gromos rexistrados en Galicia son "importados", isto é, teñen a súa orixe en persoas "que se desprazaron a outros territorios e logo volven a Galicia" ou cidadáns que "se trasladan" á comunidade desde outras zonas nas que habitan. Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o representante da Consellería de Sanidade avogou por establecer medidas para que estes gromos da enfermidade "sexan o máis restrinxidos posible", á vez que chamou ao Goberno central a mellorar o control nas fronteiras para detectar os casos importados doutros países.

Trátase, dixo, dunha necesidade que se expón de forma recorrente nas reunións semanais que o Sergas mantén co Ministerio de Sanidade e que constitúe nestes momentos "a maior preocupación" do Executivo galego. Fernández-Campa explicou que algúns positivos detectados son de persoas que chegaron a bordo de voos internacionais a terminais españolas sen que "en ningúns dous casos" se dese aviso á Xunta de que sufrían síntomas ou podían ser sospeitosos de estar contaxiados. "Entendemos que o control de fronteiras é difícil, pero temos que repensalo", recalcou, tras o que puxo como exemplo o rexistro de viaxeiros implantado por Sanidade, que na súa primeira semana en funcionamento superou os 107.000 inscritos.

Partidario de aplicar medidas "cirúrxicas" en determinadas zonas en lugar de ter que recorrer a un novo confinamento, preguntado por se se pode soster que Galicia afronta unha segunda onda do virus, o xerente do Sergas replicou que neste momento toca "estar preocupados polo incremento da incidencia e facer un seguemento continuo".

Cunha incidencia acumulada nos últimos 14 días que se sitúa en Galicia en 13,67 casos por cada 100.000 habitantes, cunha media de 33, a área sanitaria da Coruña preocupa especialmente, aínda que está lonxe da media española, de 75,29.

Tras os gromos rexistrados en Meicende (Arteixo) e Vimianzo, que obrigaron a aplicar medidas restritivas como o peche do lecer nocturno ou a suspensión das visitas a residencias da terceira idade e a clausura dos centros de día, esta zona concentraba na mañá do domingo o 51% dos casos activos en Galicia, con 302 pacientes en seguimento, 56 máis en 24 horas. Por iso, o Sergas revisará de forma periódica se as limitacións impostas o "sábado son suficientes".

Cos gromos relacionados co ximnasio de Meicende e o de Vimianzo estabilizados con 58 e sete casos detectados, nas últimas horas realizáronse 520 PCR aos contactos dos contaxiados en Arteixo, en tanto que se están rastrexando novos contactos dos infectados na Costa da Morte para medir o alcance do caso. Entre tanto, na residencia Domusvi do barrio coruñés de Matogrande, o número de usuarios infectados elevouse este domingo dun a tres despois de que este sábado o virus volvese entrar na rede galega de atención aos maiores, que levaba desde o 30 de xuño libre de Covid. A estes enfermos súmanse senllos traballadores que tamén deron positivo en residencias de Xove e Paradela.

En total, Galicia alcanzou este sábado os 12.640 contaxios confirmados, dos cales 11.428 están curados e 621 faleceron.

Pais solicitan "un plan B" para o novo curso
A Confederación de Anpas Galegas pediu este domingo á Consellería de Educación "un plan B" para o próximo curso, ante o "novo escenario" que os pais e nais consideran que expoñen os rebrotes. As familias inciden en que están "absolutamente preocupadas" pola "posibilidade de que os centros escolares se convertan nunha "trampa" para os menores e os seus achegados.

TEMOR AO CONTAXIO. O colectivo, que xa vía insuficiente o protocolo presentado en xullo, incide en que a OMS xa avisa de que "reabrir as escolas" en países cunha transmisión alta do virus "só vai empeorar a situación".

O Sergas pide máis control fronteirizo ante un 65% de casos importados
Comentarios