O Sergas reabrirá o paridoiro de Verín en febreiro

Ademais contratará a dous pediatras a próxima semana
Acto de protesta en Verín. EFE
photo_camera Acto de protesta en Verín. EFE

O Sergas avanzou este sábado que formalizará a próxima semana a contratación de dous pediatras para o hospital de Verín (Ourense) para a atención de recentemente nados, mentres que prevé a reapertura do paridoiro "nos primeiros días" de febreiro, tras permanecer pechado desde comezos de decembro, nunha decisión que provocou gran contestación social.    

Nun comunicado, a xerente do hospital de Verín, Guillermina Agulla, informa de que se traballa na redacción dun proprotocolo para retomar con garantías e seguridade a atención aos partos ao comezo do próximo mes.

"Se son sincera, non vin só para reabrir o paridoiro, o meu desexo é potenciar o hospital de Verín, e facer un hospital innovador do que sintamos orgullosos del tanto os profesionais como os usuarios", explica Guillermina Agulla nun audio distribuído aos medios pola Consellería de Sanidade.    

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa afirmara esta semana que había contactos "avanzados" con pediatras, na liña dos contactos que a propia directora do distrito sanitario trasladou recentemente nunha entrevista concedida a Europa Press.

Comentarios