"Só o voto ao PP pode terminar co pesadelo de Sánchez"

"Todos queremos que isto cambie", manifestou Núñez Feijóo este xoves nun acto do partido en Santiago 
Feijóo, nun mitin este xoves en Santiago. EP
photo_camera Feijóo, nun mitin este xoves en Santiago. EP

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, sostivo este xoves que tan só o voto ao seu partido pode asegurar que este domingo se termine o "pesadelo" de ter a Pedro Sánchez como presidente do Goberno central.

"Todos queremos que isto cambie", manifestou Núñez Feijóo este xoves nun acto do partido en Santiago de Compostela, no que se mostrou especialmente crítico co candidato socialista, ao que acusou de propiciar "a campaña máis longa da democracia española" nestes meses.

O mandatario autonómico culpou a Sánchez de cambiar un "goberno estable que creaba emprego" por un Executivo apoiado "por todos aqueles que levan os lazos amarelos" e que "non quixo formar goberno" tras as eleccións xerais do mes de abril, porque pensaba "que os españois o ían a premiar a cuarta vez que bloqueaba España".

"Cando gañou, pensou que conseguira a maioría absoluta e comportouse como tal", criticou o líder popular, que repasou a traxectoria de Pedro Sánchez e asegurou que os votantes non van esquecer "a inestabilidade dos dous últimos anos", nin "a ambigüidade e a "equidistancia entre os violentos e os violentados".

"Tampouco esquezamos o vindeiro domingo o continuado menosprezo a Galicia e aos galegos", díxolle Núñez Feijóo aos asistentes ao mitin, ante quen enumerou os que el entende como incumprimentos do Goberno central coa industria galega, citando casos concretos como o das centrais térmicas de Meirama e As Pontes, o de Ence, Alcoa ou as empresas do sector naval.

Con Pedro Sánchez no Goberno central, España "parouse", a ollos dun presidente galego que chamou a relevalo antes de que "a deterioración económica sexa maior" e cause unha crise económica como o seu antecesor José Luís Rodríguez Zapatero.

De igual forma, ante a convocatoria electoral deste domingo, advertiu de que se os electorais de centro dereita volven votar "divididos" como en abril se volverá a repetir o resultado" e beneficiará a formación dun novo Goberno socialista cos seus socios "populistas, nacionalistas e independentistas".

"Podemos e temos que lograr o vindeiro domingo máis deputados e máis senadores que Pedro Sánchez", recalcou Núñez Feijóo, que alertou aos presentes para que non caian na "trampa", do PSOE e non deixen que funcione "a súa estratexia de dar protagonismo a outros partidos políticos" de centrodereita, a quen menciona continuamente "para que collan espazo e capacidade electoral".

Así pois, reiterou aos posibles votantes que aposten "por partidos que realmente poidan conseguir escanos" e expor unha alternativa solvente a Sánchez, algo do que -na súa opinión- só é capaz en Galicia o PP, xa que calquera outra papeleta electoral "posibilita un goberno do nacionalismo, o socialismo e o populismo".

"Hoxe o PP é máis necesario que nunca", resolveu o presidente galego, que atacou repetidamente a Cs e VOX no seu discurso e que insistiu en que a dos populares é "a papeleta do cambio", mentres que a destes partidos supón un voto "inválido a efectos de gobernar" posto que en Galicia non van sacar nin deputados nin senadores".

"Votar a Cs é un dos maiores favores que lle podemos facer a Sánchez", remarcou Núñez Feijóo, que instou á súa audiencia a convencer "de forma didáctica" aos votantes destes partidos para que apoien ao PP este próximo de 10 de novembro.

O presidente do PPdeG interveu este xoves nun encontro con militantes no que tamén participou a cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, Marta González, que retomou a mensaxe de que o culpable da repetición electoral é Pedro Sánchez e de que se ten que terminar" a súa etapa á fronte do Executivo central.

Do mesmo xeito, González aludiu a VOX no seu discurso e apuntou que "non por gritar máis se ten máis credibilidade ou máis razón", ademais de subliñar que son un partido sen "ningunha experiencia de goberno", polo que apoialos sería -agregou- "como tirar o voto á papeleira" ou entregarllo directamente a Pedro Sánchez. 

Comentarios