Soben lixeiramente os casos activos de covid en Galicia

Os contaxios diarios repuntan a 122 e a taxa de positividade mantense nun 2%
Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo
photo_camera Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo

Os pacientes con covid-19 hospitalizados en Galicia reducíronse a 313, o que supón 12 menos que a xornada anterior, cunha maior caída entre os que se atopan en Uci, mentres que os casos activos subiron lixeiramente a 2.685 -tres máis-, despois de mes e medio de tendencia descendente.

Segundo os datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste luns, hai 65 pacientes covid en Uci -nove menos que a xornada anterior- e 248 noutras unidades -tres menos-.

A única área sanitaria que rexistra un incremento nos ingresados é a de Vigo, que conta con 13 en Uci -un menos- pero con 49 noutras unidades -catro máis-; mentres que a de Lugo mantén seis en críticos e 19 noutras unidades -sen cambios en ambos os casos-.

Por contra, na área de Ourense baixan a dúas os ingresados en Uci -un menos- e a 18 os que se atopan noutras unidades -catro menos-; mentres que na de Santiago e Barbanza os críticos mantéñense en sete e descenden a 24 os doutras unidades -tres menos-.

Tamén na de Pontevedra e O Salnés redúcense a sete os pacientes covid hospitalizados en Uci -un menos- e a 15 os que permanecen noutras unidades -dous menos-; mentres que na da Coruña e Cee hai 22 en críticos -cinco menos- e 100 noutras unidades -tres máis-. E a de Ferrol conta con oito en Uci -un menos- e 23 noutras unidades -un menos-.

MÁIS CASOS ACTIVOS E MÁIS CONTAXIOS. Pola súa banda, os casos activos deste coronavirus subiron lixeiramente a 2.685 -tres máis- despois de mes e medio de tendencia descendente -desde o 4 de febreiro-, ao producirse máis contaxios que altas.

En concreto, descenden en catro do sete áreas sanitarias, mentres que soben nas da Coruña e Cee -23 máis-, Vigo -seis máis- e Lugo -dous máis-.

Deste xeito, a área da Coruña e Cee conta con 1.076 casos activos; a de Vigo ten 457; a de Santiago e Barbanza, 293; a de Ferrol, 243; a de Pontevedra e O Salnés, 230; a de Lugo, 205; e a de Ourense sitúase á cola, con 181.

Os contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba incrementáronse a 122 -tras os 112 detectados a xornada anterior-, deles 105 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Destes últimos, case a metade, 55 corresponden á área da Coruña e Cee; 27 á de Vigo; nove á de Santiago e Barbanza; sete á de Lugo; tres á de Ourense; dous á de Ferrol e outros dous á de Pontevedra e O Salnés.

Deste xeito, os contaxiados desde o inicio da pandemia en Galicia ascenden a 114.989, dos que 27.800 corresponden á área da Coruña e Cee; 21.602, á de Vigo; 18.279 á de Santiago e Barbanza; 14.714 á de Ourense; 12.561 á de Pontevedra e O Salnés; 11.887 á de Lugo; e 8.146 á de Ferrol.

PCR E POSITIVIDADE. Segundo os últimos datos actualizados a Comunidade galega realizou 1.769.117 PCR, o que supón 4.701 probas máis que as rexistradas até a xornada anterior.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- subiu lixeiramente a un 2,4 por cento, após repuntar ao 2,1% este luns despois de situarse nun 1,5% o domingo. No entanto, a Comunidade galega continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS E CURADOS. As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio da pandemia en Galicia sitúanse en 2.303 despois de notificar na noite deste luns as autoridades sanitarias tres novas vítimas mortais.

Estas tres persoas falecidas contaban con patoloxías previas. Unha delas morreu o 12 de marzo, outra o domingo 14 e a terceira este luns 15.

Até a data curáronse da covid-19 en toda Galicia 110.021 persoas, o que implica 117 máis que as contabilizadas até a xornada anterior.

Comentarios