Os socios de En Marea caen ou desaparecen nos concellos onde rivalizaron, salvo en Cangas

Perderon 33 edís en 15 municipios. O comportamento doutras listas ligadas a este espazo é similar, con excepcións como Sada e Vilar de Santos, cuxo alcalde cambiou de siglas 

O portavoz de En Marea, Luis Villares. EFE
photo_camera O portavoz de En Marea, Luis Villares. EFE

A división dos socios da En Marea que se presentou ás eleccións autonómicas –actualmente rota de facto– provocou a proliferación de candidaturas e o enfrontamento mutuo en 15 dos 313 concellos galegos. A loita electoral traduciuse nunha acusada baixada ou a desaparición nesa quincena de municipios, coa excepción de Cangas do Morrazo, e supuxo perder –só nestas circunscricións– un total de 33 edís. 

Concretamente, os socios víronse nas urnas nas seguintes localidades: Lugo e Sarria, na provincia de Lugo; Pontevedra, Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Cangas, Gondomar, Nigrán, Marín e Ponteareas, na provincia de Pontevedra; Ferrol, Betanzos e Ames, na provincia da Coruña; e Ourense, na provincia con igual nomenclatura. 

Co 99,74 % de voto escrutado en toda Galicia, actualmente as candidaturas 'rupturistas' manteñen só 17 actas de concelleiro nos 15 concellos onde se enfrontaron, mentres que en 2015 conseguiran un total de 50 nestes mesmos municipios, de maneira que reduciron a menos da metade o número de representantes. 

A única excepción tivo lugar en Cangas do Morrazo, onde as dúas 'mareas' xa se presentaron por separado na cita anterior e onde cogobernan na actualidade nun tripartito. Neste municipio pontevedrés Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) mantivo as súas catro actas, mentres que Avante-Candidatura Veciñal-Mareas Locais –a que apoia a dirección de En Marea dirixida por Luís Villares– conservou o tres edís que tiña. 

Con todo, Alternativa Canguesa e o PSOE empataron a catro edís nesta ocasión –fronte aos 7 da candidatura máis votada, a do PP–, polo que para revalidar un goberno de coalición agora entra en xogo tamén os socialistas.

DESAPARECEN EN NOVE E BAIXAN EN CATRO. No lado oposto sitúanse as confluencias e candidatos do espazo 'rupturista' que, tendo representación en 2015, acabaron desaparecendo tras os comicios deste domingo 26 de maio en nove municipios. En detalle, trátase de Betanzos, Pontevedra, Sanxenxo, Baiona, Nigrán, Marín e Ponteareas e nos concellos de Lugo e Ourense. 

Mentres, en catro municipios, as candidaturas deste espazo reduciron a súa representación, pero conservan concelleiros: Ferrol, Ames, Vilagarcía e Gondomar.

PONTEVEDRA. Así, na cidade de Pontevedra, Marea de Pontevedra perdeu os dous representantes que tiña na corporación, mentres Unidas Podemos non conseguiu representación e quedou mesmo máis de 200 votos por baixo dos seus socios. 

En Vilagarcía de Arousa, onde os socios 'tradicionais' de Unidas Podemos concorreron por separado, o espazo deixouse un representante. Así, Vilagarcía en Común –apoiada por En Marea e Esquerda Unida– pasou de tres representantes a un só; mentres que Marea da Vila (Podemos e Anova), que non tiña concelleiros, conseguiu un. 

En Sanxenxo, pola súa banda, a coalición Podemos-Anova Son en Común deixouse o representante que tiña, mentres que a marea de Luís Villares non logrou irromper no municipio. Situación similar é que a se deu en Marín, en que a Marea Veciñal-Marea de Marín (que apoiaba Anova) perdeu o tres representantes que tiña, mentres que Ser de Marín (apoiada por En Marea) e Podemos tampouco accederon ao Consistorio. 

No sur da provincia pontevedresa, só se manteñen en Gondomar, con dous edís para Manifesto Miñor; mentres que en Baiona e en Nigrán pérdense dous, respectivamente, nas candidaturas de Son en Común. En Ponteareas, pola súa banda, as candidaturas de confluencias deixáronse os dous concelleiros que tiñan (Riada Cidadá) e EU-Son en Común.

LUGO. En Lugo desaparecen o tres edís da candidatura Lugonovo e o representante de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida, tres concelleiros que sumou ao seu grupo o BNG. Ademais, Podemos, que tamén se presentou por separado orixinando tres candidaturas no mesmo espazo, tampouco conseguiu representación. Na mesma provincia, ningunha das candidaturas –Podemos Son en Común e En Marea Sarria– obtiveron acta de edil. 

A CORUÑA. Na provincia da Coruña, a perda máis sonora é a de Ferrol en Común, unha baixada que tamén lle suporá á formación liderada por Jorge Suárez deixar de gobernar na cidade departamental. Así, de seis edís obtidos nas urnas en maio de 2015, esta candidatura quedou con tres representantes, mentres que Marea de Ferrol (a apoiada por En Marea) e Xuntos Actúa (unha escisión de Podemos que no seu día tamén estivo en Ferrol en Común) quedaron en cero representantes. 

En Betanzos tamén se enfrontaron os socios de En Marea con Betanzos Novo e Unidas Podemos –que está basicamente ligada á formación morada–, pero ningunha destas candidaturas logrou representación. Por tanto, desapareceron tamén os dous edís que antes tiña Betanzos Novo. 

En Ames as dúas formacións deste espazo político conseguiron representación na corporación, pero a redución tamén é significativa. Por unha banda, Contigo Podemos pasa de tres edís a dous e Ames Novo –apoiada por En Marea–, de catro concelleiros a un.

OURENSE. Finalmente, na cidade das Burgas, Ourense en Común –que nestas eleccións só apoiou Anova–deixouse o tres edís que tiña ata agora na corporación; mentres que a lista de Podemos-Esquerda Unida e Ourense Mellor (a que apoiaba En Marea) tampouco lograron entrar no Consistorio.

GOBERNOS SIMBÓLICOS DO ESPAZO. Doutra banda, o comportamento nos concellos nos que ostentaban a Alcaldía algunha das candidaturas ligadas a este espazo de confluencia –á marxe de Santiago, A Coruña e Ferrol– foi desigual. 

Por unha banda, reforzouse o goberno de Sada, cuxo rexedor, Benito Portela (de Anova), foi a forza máis votada e gañou dous edís fronte a 2015; mentres que en Vilar de Santos, Xan Jardón volveu a lograr a maioría absoluta sen oposición, esta vez cunha lista asociada a En Marea após o seu paso por Compromiso por Galicia. 

Nesta mesma órbita –aínda que como candidatura propia, viuse reforzada a candidatura Nós Pobra, que xa gobernaba con Xosé Lois Piñeiro á cabeza. Así, agora sitúase como forza máis votada con cinco edís, fronte ao catro de 2015, e empatado co PP, aínda que coa posibilidade de revalidar co apoio de PSOE e/ou do BNG. 

Con todo, unha das alcaldías simbólicas deste espazo de confluencia, é a de Manzaneda na que era rexedor Davide Rodríguez (actual deputado de En Marea), o partido de Luís Villares cedeu ao PSOE a posición que tiña até agora o exregidor --que deixou de selo esta lexislatura para ser deputado autonómico--. 

En Teo, a candidatura de confluencia de Rafa Sisto (que pertence a Anova) pasa a segunda forza e déixase tres edís; mentres que en Val do Dubra (outra das alcaldías de confluencia ligadas a Anova con Antonio Negreira), Son do Val do Dubra tamén perde dous edís e queda como forza máis votada con tres, pero dificultades para facer pactos de goberno. 

Outra das alcaldías simbólicas deste espazo é o de Salceda de Caselas con Marcos Besada. Poderá gobernar co tres edís do PSOE, pero do seis cos que contaba, agora pasou a catro representantes. 

Nesta mesma órbita sitúase Vimianzo cun dos alcaldes que eran significativos no BNG, Manuel Antelo. En 2015 presentouse coas siglas do BNG e, coa candidatura Adiante Vimianzo, pasa a segunda forza política detrás do PSOE ao deixarse tres representantes. 

Comentarios