Sorprendido en Vigo coa muller á que tiña prohibido achegarse por malos tratos

Unha patrulla recoñeceuno por unha intervención anterior por violencia de xénero

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 43 anos ao que sorprenderon na vía pública xunto coa súa exparella, da que tiña en vigor unha orde de afastamento por malos tratos.

Unha patrulla que realizaba funcións de prevención e seguridade na contorna do comedor social da rúa San Francisco localizou no exterior do mesmo a M.A.B.B., ao que recoñeceron por unha intervención anterior por violencia de xénero.

Xunto a el estaba a súa exparella, vítima precisamente daquel episodio e á que o arrestado tiña prohibido achegarse por orde do Xulgado do Penal 1 de Vigo.

Unha vez comprobado este extremo, os axentes procederon á súa detención.