Suárez pide unha entrevista con Amancio Ortega para que non peche o Zara de Ferrol

O alcalde defende nunha carta dirixida ao fundador de Inditex que sería "un durísimo golpe" e unha "perda irremediable" para a cidade

Jorge Suárez. AEP
photo_camera Jorge Suárez. AEP

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (Ferrol en Común), solicitou unha entrevista ao fundador do grupo Inditex, Amancio Ortega, para darlle "traslado da inquietude de veciños, comerciantes e hostaleiros" ante as "negativas consecuencias" e o "impacto a curto e medio prazo" que sosteñen que tería o peche previsto da única tenda de Zara situada na cidade. 

A través dunha carta, co encabezamento "estimado Amancio", o alcalde ferrolán dálle traslado da "inquietude" recollida en diferentes escritos que as entidades veciñais, sociais, empresariais, do pequeno comercio e da hostalaría local, fixeron chegar ao Concello ferrolán pedindo "a intermediación institucional" ante o peche "inminente" do establecemento de Zara, situado en varias plantas dun edificio da praza de Armas, en pleno centro histórico. 

No escrito, Jorge Suárez manifesta que "o peche inminente das tendas e a desaparición da marca Zara de Ferrol sería un durísimo golpe" e unha "perda irremediable" para a cidade, nun momento no que o "tecido comercial e a pequena e mediana empresa están a realizar un grandísimo esforzo, co seu propio esforzo, por contribuír a que Ferrol vaia adiante a pesar das moitas dificultades". 

O alcalde fai referencia á información difundida "polos medios de comunicación" ante o peche "inminente" previsto de Zara en Ferrol "por un cambio de política comercial". A firma mantería a tenda situada no centro comercial Odeón, no municipio veciño de Narón. 

Así, Jorge Suárez lembra a "aposta" que o grupo téxtil fixo hai case 30 anos ao situar en Ferrol unha das primeiras tendas de Zara, converténdoa en "toda unha referencia fundamental para varias xeracións de ferroláns", "achegando a moda a todos os veciños" e como "reclamo comercial fundamental no centro histórico" da Madalena. 

Nesta liña, afirma ser coñecedor do "interese do grupo por recuperar o patrimonio histórico emblemático das cidades", nas que conta con tendas 'Flagships', e que valora como "exemplo de integración da filosofía da súa empresa coa rexeneración urbana e arquitectónica das tendas polas que aposta". 

Neste contexto, lembra que o barrio da Magdalena está declarado Ben de Interese Cultural, con numerosas "edificacións emblemáticas" do arquitecto modernista Rodolfo Ucha, como a que albergou no seu momento Zara Home. 

Jorge Suárez engade no escrito que ademais das peticións recibidas no Concello a través da Mesa Local de Comercio, debido á "transcendencia negativa" do peche previsto de Zara, a cidadanía tamén se está implicando, recollendo firmas para apoiar a permanencia da firma. 

Como conclusión, "como representante do pobo de Ferrol e alcalde" da cidade, solicítalle unha entrevista, para darlle traslado da petición "coa confianza" de que aínda se está "a tempo de que se reconsidere esta decisión tan negativa para Ferrol e poder seguir contando coa presenza da marca Zara no barrio da Magdalena como motor fundamental na dinamización do centro da cidade", algo que, engade, "xunto co gran esforzo da pequena e mediana empresa", contribúa a "apostar por Ferrol como cidade" que "agora que empeza a recuperar o pulso", "non pode sufrir outra perda irremediable". 

Comentarios