Suso de Toro afíliase ao BNG e Ana Pontón dálle a benvida

O escritor, outrora biógrafo de Zapatero, levaba varios anos vinculado á formación frontista como vogal da súa fábrica de ideas

El escritor Suso de Toro. AEP
photo_camera El escritor Suso de Toro. AEP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu a benvida á formación nacionalista ao escritor Suso de Toro, quen anunciou o xoves que solicitara o a súa afiliación.

"Benvido Suso ao BNG. Para min é un orgullo compartir proxecto común contigo. Temos as portas abertas para todas as persoas que levan a Galicia na cabeza e no corazón", sinala Pontón a través do seu perfil da rede social Twitter.

Precisamente, foi a través de Twitter onde Suso de Toro deu a coñecer que pedira afiliarse ás filas do Bloque. "Solicitei afiliación ao BNG. Levo décadas analizando a vida social e política galega e española e xa sei o que dá de si. Finalmente vexo como tratan a Galicia os partidos estatais nos orzamentos cando non temos representación propia. Estamos indefens@s", manifestou. 

Respecto diso, Ana Pontón asegurou que "cada día é máis evidente a necesidade do Bloque para que o noso país avance". "Grazas polo teu compromiso", finaliza o seu tuit. 

En 2014 incorporouse ao think tank do Bloque
A chegada do outrora biógrafo do José Luís Rodríguez Zapatero ao Bloque non supón ningunha sorpresa. Xa en 2014 foi nomeado vocal da Fundación Galiza Sempre, un think tank da formación nacionalista. Entón dixera, nunha entrevista con este medio, que se incorporaba á fábrica de ideas do Bloque en calidade de "independente".

"O PSdeG non ten visión de país e o que necesita Galicia agora é un partido nacionalista forte", explicaba Suso de Toro hai xusto cinco anos. O escritor, que fora un dos intelectuais de cabeceira dos Gobernos de Zapatero, chegou a escribir en 2011 que o BNG estaba "imposibilitado para construír e liderar un consenso colectivo". 

Con todo, como explicaba naquela entrevista, a ruptura daquel Bloque na asemblea de Amio fora "un drama para o país", o que, unido á caída de Zapatero e á chegada ao poder do PP, o levara a unha profunda reflexión.

Comentarios