domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

Suspendidas as misas e as catequesis en Galicia

Interior de una iglesia. ARCHIVO
Interior de una iglesia. ARCHIVO
Os bispos galegos apuntan que os funerais se poden celebrar sen misa, ou co grupo de familiares "máis achegados". Manteñen as igrexas abertas, "a menos que as autoridades sanitarias digan o contrario". A Conferencia Episcopal constata que as procesións "deben suprimirse"

A expansión do coronavirus e a necesidade de intentar atallar o seu avance levou os bispos galegos a adoptar unha serie de medidas chamadas a reducir os contactos e, con iso, os contagios. Unha delas implica que se suspenden "as celebracións comunitarias e públicas da santa misa ata ser superada a actual situación de urxencia". Tamén se interrompen as catequeses, e todo "en principio ata despois de Semana Santa".

A través dun comunicado divulgado na tarde deste venres, os bispos explican que se dispensa aos fieis cristiáns das dioceses da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela da asistencia á eucaristía e apuntan que se pode seguir a misa por radio, televisión ou internet. Apostan así por recuperar a "comuñón espiritual".

Con todo, os sacerdotes seguirán celebrando diariamente a eucaristía, e será posible a "asistencia dun pequeno grupo de fieis". 

Os bispos tamén se refiren aos funerais para apuntar que se poden celebrar sen misas, que se poderían oficiar "logo desta fase crítica", ou "nestes momentos só co grupo dos familiares máis achegados". Nesa liña, tamén chama a aprazar as celebracións de aniversarios ata despois de Semana Santa.

Animan as confrarías a seguir as orientacións das autoridades sanitarias ante a Semana Santa

De feito, aseguran que as indicacións apuntadas agora se aplicarán igualmente para as celebracións litúrxicas da Semana Santa", á vez que animan aos responsables das confrarías a seguir "tamén as orientacións das autoridades sanitarias".  En Lugo, por exemplo, a Xunta de Confrarías de Semana Santa xa decidiu suspender todos os seus actos.

As medidas decididas polos bispos galegos tamén contemplan o sacramento da penitencia, para o que chaman a usar espazos que "permitan cumprir coas esixencias hixiénicas indicadas polas autoridades sanitarias".

A pesar das limitacións, que inclúen a suspensión de encontros e calquera celebración que non sexa urxente, os templos seguirán abertos, "a menos que as autoridades sanitarias digan o contrario". As dioceses aseguran que estarán a disposición dos fieis para que poidan ir rezar, "sen aglomeracións". Ademais, recórdanlles que poden contactar coa súa parroquia "para calquera necesidade, especialmente para a recepción de sacramentos como, por exemplo, a penitencia ou a eucaristía".

En canto a Cáritas, non se pecharán os espazos "dedicados á actividade caritativa". "Pero invítase a extremar a prudencia na atención individualizada".

A Conferencia Episcopal constata que "as procesións deben suprimirse"
A Conferencia Episcopal Española afirma nun comunicado que "as procesións deste tempo deben suprimirse", ademais de establecer recomendacións ante a crise do coronavirus, como seguir a misa polos medios de comunicación e suspender as catequeses presenciais. 

A CEE non fai unha mención explícita á Semana Santa, despois de que ao longo da semana varios arcebispados se manifestaran respecto diso. 

En relación á celebración de funerais e exequias, recomenda que participen unicamente os familiares e persoas máis achegadas. E engade: "Pospóñanse na medida do posible as demais celebracións. As procesións deste tempo han de suprimirse".

Suspendidas as misas e as catequesis en Galicia
Comentarios