martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Reactivado o plenario de En Marea, no que o sector crítico vence a primeira votación

Vivíronse momentos de tensión ás portas do conclave, que obrigaron a suspender o acto durante media hora ►Villares: "De hoxe ten que saír un escenario de unidade"

O plenario de En Marea reactivouse despois de ser interrompido durante uns trinta minutos nos que se viviron momentos de tensión pola negativa da mesa da sesión a deixar acceder á aula no que se desenvolve o conclave a persoas que non formalizaran en tempo e forma a súa inscrición para participar. Finalmente, e despois de ser habilitado outra aula ante o desborde a capacidade do salón principal, procedeuse á votación do primeiro punto da orde do día: a aprobación do regulamento do plenario e a constitución da mesa. 

Así, con dúas horas de atraso, a votación, na que participaron case 600 persoas, foi gañada polo sector crítico coa dirección, que se impuxo por unha marxe de 3 votos, polo que controlarán a mesa do plenario. 

MOTIVO DA TENSIÓN. O plenario de En Marea foi suspendido de maneira temporal debido á afluencia de persoas que non formalizaran a súa inscrición e que pretendían acceder á sala da Facultade de Económicas onde se realizan as intervencións e votacións. A negativa da mesa do plenario a deixar pasar ao salón (con capacidade para 500 asistentes) a persoas que non estaban inscritas para participar no conclave xerou momentos de tensión ás portas da sala cando aínda se debatía o primeiro punto da orde do día: o regulamento do propio plenario.

Algunhas destas persoas afirman que trataron de formalizar a súa inscrición, pero que foi rexeitada. Con todo, pedían acceder á sala para presenciar a sesión, cousa que foi rexeitada nun primeiro momento polos membros da mesa que, en segunda instancia, aceptaron que estas persoas pasasen á sala, advertindo que non poderían votar. Así, vivíronse momentos de tensión ás portas da sala.

Deputados no Parlamento de Galicia como Marcos Cal ou Luca Chao interviñeron na situación e pediron ás persoas cuxo acceso era denegado que pasasen ao salón. "Están a tentar roubar o plenario", exclamou Chao, membro do grupo crítico coa dirección. 

Os críticos fanse co control da mesa do plenario, que accede a votar que se acepte a participación de xente que non se inscribiu en tempo e forma 

A continuación, e ante o exceso do aforamento máximo da sala, a mesa ordenou que parte dos asistentes abandonasen a aula e desprazásense a unha anexa, onde poden seguir o desenvolvemento do plenario e votar. 

VILLARES. Á súa chegada, o portavoz de En Marea, Luís Villares, saudou a "afluencia masiva" ao plenario que o partido instrumental celebra este sábado en Santiago, do que confía en que saia un "escenario de unidade" para demostrar que En Marea representa a "única alternativa ao PP". "Só vai haber alternativa se En Marea está unida. Que o teña todo o mundo moi claro. Do plenario  ten que saír un escenario de unidade, non fracturado. Teremos un debate porque en democracia hai que debater, pero despois dese debate ten que haber unha unidade férrea contra o PP", declarou. 

Reactivado o plenario de En Marea, no que o sector crítico vence a...
Comentarios