Tellado advirte do "risco" dun "multipartito" que acabe liderado polo BNG

O número 2 do PPdeG non descarta que o Goberno de Feijóo leve aos tribunais ao Estado polo IVE antes das eleccións autonómicas 
Miguel Tellado. PEPE FERRÍN
photo_camera Miguel Tellado. PEPE FERRÍN

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, advertiu este domingo que nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril "está en xogo a estabilidade política" na comunidade e que o "risco de que o multipartito sexa liderado polo BNG" na Xunta "é real". 

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, manifestou que o obxectivo do seu partido é que Galicia "siga sendo unha autonomía seria, rigorosa, moderada, solvente" e "que cumpra coas súas obrigacións". 

"Ese é o noso modelo, mentres que o alternativo é o do multipartito que quere fragmentar e dividir á sociedade e traer a Galicia problemas que hoxe non temos", subliñou, á vez que apelou a "apostar por un líder experimentado" como o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo. 

Para Tellado, o tamén presidente do PPdeG é "recoñecido e reconocible" e preséntase "cun balance de xestión e cun proxecto que está máis vivo que nunca". "Un presidente libre, para o que Galicia está por encima da loita entre partidos", engadiu. 

En canto ás enquisas, dixo que se observa unha tendencia á alza do BNG e un "afundimento" do PSdeG, que se explica "canto maior é o coñecemento" do seu candidato, Gonzalo Caballero
Neste sentido, advertiu de que "é perigoso", porque o nacionalismo do Bloque "quere traer a Galicia a inestabilidade que xerou en Cataluña". "O risco de que o multipartito sexa liderado polo BNG é real", apuntou. 

Sobre a coalición entre Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipalistas (baixo a marca Galicia en Común-Anova Mareas), o secretario xeral do PPdeG asegura que "é a mesma" alianza que asinaron en 2012 con Alternativa Galega de Esquerda (Age) e en 2016 con En Marea, cuxo grupo parlamentario se fragmentou definitivamente no verán de 2019. 

"Non podemos saber o que vai pasar, pero si o que pasaría. Se Alberto Núñez Feijóo non gañase, Villares –candidato de En Marea en 2016– sería presidente, cun grupo que abandonou o partido e cun Leiceaga --o candidato socialista-- que marchou a Madrid hai uns meses", explicou. 

Na entrevista coa Radio Galega, Tellado non descartou que a Xunta leve ao Goberno central ante os tribunais polos 200 millóns dunha mensualidade do Ive de 2017 antes das eleccións do 5 de abril. 

Comentarios